Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Tesalonicenses 5 - Biblia SEPT

1 Tocante ó tempo preciso, irmáns, tampouco non precisades que vos escriba,

2 que vós mesmos sabedes á perfección que o "Día do Señor" chegará coma o ladrón pola noite.

3 Cando anden dicindo: "paz e seguridade", daquela caerá de súpeto sobre eles a desfeita, do mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada; e, de certo, non han de escapar.

4 Pero vós, irmáns, non estades nas tebras, para que ese día vos sorprenda coma o ladrón,

5 xa que todos vós sodes fillos da luz, fillos do día: non somos da noite nin das tebras.

6 Polo tanto, non adormezamos coma os demais; máis ben, esteamos vixiantes e manteñamos o propio control.

7 Pois os que dormen, dormen pola noite, e os que se emborrachan, emborráchanse pola noite.

8 Pero nós, que somos do día, manteñamos o propio control, revestidos coa coiraza da fe e da caridade e co casco da esperanza da salvación.

9 Pois non nos destinou Deus á ira, senón á consecución da salvación polo noso Señor Xesús Cristo,

10 que morreu por nós para que, vivos ou mortos, pasemos a vivir con el.

11 Polo tanto, aconselládevos e confortádevos uns a outros, como xa o facedes.


Últimas recomendacións e saúdos

12 Rogámosvos, irmáns, que sexades considerados cos que traballan entre vós, presidíndovos no Señor e catequizándovos.

13 Tédeos no máis grande aprecio e amor polos seus traballos; e que entre vós haxa paz.

14 Exhortámosvos tamén, irmáns, a que fagades entrar en razón ós inconstantes, que lles deades azos ós abatidos, que coidedes dos febles e que teñades paciencia con todos.

15 Mirade que ninguén lle devolva a ninguén mal por mal; polo contrario, procurádevos sempre o ben uns ós outros, e a todos.

16 Estade sempre alegres.

17 Orade constantemente.

18 Dade grazas en todas as ocasións: que isto é o que Deus quere de vós coma cristiáns.

19 Non apaguedes o Espírito;

20 non desprecedes as palabras inspiradas.

21 Examinádeo todo e agarrádevos ó que é bo.

22 Arredade de toda especie de mal.


Despedida e saúdos

23 Que o Deus da paz vos santifique totalmente: que todo o voso ser espírito, alma e corpo se conserve indemne na Parusía do noso Señor Xesús Cristo.

24 Pois o que vos chama é fiel, e hao facer.

25 Irmáns, rogade tamén por nós.

26 Dádelles o saúdo a todos os irmáns co ósculo santo.

27 Esconxúrovos polo Señor a que se lles lea esta carta a todos os irmáns.

28 Que a graza do noso Señor Xesús Cristo vos acompañe.

Lean sinn:



Sanasan