1 Tesalonicenses 4 - Biblia SEPTInstrucións e avisos 1 Polo demais, irmáns, pedímosvos con insistencia coma cristiáns que, xa que aprendestes de nós como cómpre andar para contentar o Señor, que sigades así e que progresedes aínda máis. 2 Porque ben sabedes que instrucións vos temos dado de parte do Señor Xesús. 3 Pois esta é a vontade de Deus, a vosa santificación: que vos arrededes da fornicación, 4 que cada un de vós saiba controlar o seu propio corpo santa e respectuosamente, 5 sen se deixar gobernar pola paixón coma os xentís, que non coñecen a Deus. 6 Que ninguén se exceda nin asoballe a seu irmán neste asunto, pois o Señor vinga todas estas cousas, como xa vos temos dito e asegurado. 7 Que non nos chamou Deus á impureza, senón á santidade. 8 Por iso, quen rexeita estas instrucións, non rexeita a un home senón a Deus, que é quen vos dá o seu Espírito Santo. 9 Verbo da caridade non precisades que vos escriba porque Deus mesmo vos ensina a vos amardes uns a outros, 10 cousa que practicades con todos os irmáns ó longo da Macedonia; rogámosvos que sigades progresando: 11 que areledes vivir sosegados, ocuparvos dos vosos asuntos e traballar coas vosas mans, conforme vos temos mandado; 12 deste xeito a vosa conduta será correcta ante os de fóra e non precisaredes de ninguén. A Vinda do Señor 13 Non queremos, irmáns, que esteades desinformados verbo dos mortos, para que non vos agoniedes coma os outros, os que non teñen esperanza. 14 Porque, se cremos que Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará con El os que xa morreron. 15 Iso é o que vos dicimos apoiados na palabra do Señor: que nós, os que vivimos, os que quedemos para a Vinda do Señor, non teremos vantaxe sobre os que xa morreron; 16 pois a un sinal de mando, á voz do arcanxo e ó son da trompeta de Deus, o Señor en persoa baixará do ceo: entón os cristiáns defuntos resucitarán primeiro; 17 despois, nós, os que quedemos vivos, seremos arrebatados xunto con eles nas nubes, para irmos ó encontro do Señor no aire e así estaremos sempre co Señor. 18 Polo tanto, consoládevos uns a outros con estas palabras. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)