Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Tesalonicenses 3 - Biblia SEPT

1 Por iso, non aguantando máis, ordenamos de quedar sós en Atenas

2 e mandarvos a Timoteo, o noso irmán e colaborador de Deus no Evanxeo de Cristo, para vos fortalecer e vos dar azos na vosa fe,

3 A fin de que ninguén se estremeza coas presentes dificultades: ben sabedes vós que para iso estamos.

4 Cando estabamos aínda convosco xa vos avisamos que iades ter que aturar dificultades. E, como vedes, así foi.

5 Por iso, eu tampouco non aguantei máis e mandeino a que se informase da vosa fe; non fose que vos seducise o tentador e o noso traballo resultase estéril.

6 Pero agora, xa chegou Timoteo de onda vós e deunos as boas novas da vosa fe e caridade e de que tedes sempre bo recordo de nós, arelando vernos tanto coma nós a vós.

7 Así, irmáns, en medio de todas as nosas adversidades e tribulacións, vós coa vosa fe dádesnos ánimos,

8 e agora sentímonos vivir sabendo que vós estades firmes no Señor.

9 Con que acción de grazas lle poderemos pagar a Deus por vós, por toda a alegría que pola vosa causa temos diante do noso Deus?

10 Rogámoslle con insistencia noite e día que poidamos visitarvos persoalmente e encher as fallas que teña a vosa fe.

11 Que o mesmo Deus, noso Pai, e o noso Señor Xesús, endereiten o noso camiño cara a vós.

12 E a vós, que o Señor vos faga medrar no amor duns cos outros e con todos, ata rebordar, como nos pasa a nós respecto de vós.

13 Que El afinque os vosos corazóns nunha santidade sen tacha diante de Deus, noso Pai, cando veña o noso Señor Xesús con todos os seus santos.

Lean sinn:



Sanasan