1 Tesalonicenses 2 - Biblia SEPTPredicación e apostolado de Paulo 1 Vós ben sabedes, irmáns, que a nosa visita onda vós non resultou estéril, 2 senón que, maltratados e aldraxados en Filipos como sabedes, tivemos a coraxe, grazas ó noso Deus, de vos expoñer o Evanxeo de Deus no medio dunha gran loita, 3 pois a nosa predicación non proviña do erro, de motivos inconfesables ou de mala idea, 4 senón que, polo contrario, falamos así porque Deus nos considerou dignos de nos confiar o Evanxeo sen intentarmos contentar os homes, senón contentar a Deus, que pescuda os nosos corazóns. 5 Nin actuamos endexamais con palabras solermiñas, como ben sabedes, nin con segundas intencións de comenencia ben o sabe Deus!; 6 nin procurando honores dos homes: nin de vós, nin doutros, 7 e iso que podiamos presentarnos con autoridade, coma apóstolos de Cristo. Non obstante, fixémonos tenros no medio de vós, coma unha nai que agarima os seus fillos. 8 Polo cariño que vos tiñamos estabamos dispostos a entregarvos non só o Evanxeo de Deus, senón a nosa propia vida: tanto vos fixestes querer. 9 Acordaravos, irmáns, o noso esforzo e fatiga: traballando noite e día, por non sermos unha carga para ningún de vós. Así foi como vos predicamos o Evanxeo de Deus. 10 Vós sodes testemuñas, e Deus tamén, de que nos comportamos convosco, os crentes, de xeito correcto, honrado e sen tacha. 11 Ben sabedes que eramos para cada un de vós coma un pai para os seus fillos: 12 Aconsellándovos cariñosamente ou con firmeza que vos comportásedes como merece o Deus que vos chamou ó seu Reino e gloria. A resposta dos Tesalonicenses 13 É tamén por isto polo que lle damos decote grazas a Deus: porque, ó recibirdes de nós a palabra de Deus, acolléstela non coma palabra de homes senón coma o que verdadeiramente é: coma palabra de Deus, que actúa en vós, os crentes. 14 Porque vós, irmáns, saídeslles ás comunidades cristiás que hai na Xudea, pois sufristes dos vosos propios paisanos as mesmas cousas que elas sufriron dos xudeus; 15 eles, que mataron a Xesús e mais ós profetas, perseguíronnos tamén a nós; non agradan a Deus e van contra todos os homes, 16 porque nos privan de lles falarmos ós xentís e que así se salven, acugulando cada vez máis a medida dos seus pecados. Pero a ira de Deus caeu sobre eles ata o remate. Desexo de os volver visitar 17 Nós, irmáns, ó pouco tempo de nos separarmos de vós separados fisicamente non co corazón, xa estivemos ben inquedos, de tanta morriña por vos ver. 18 Quixemos ir onda vós polo menos eu, Paulo máis dunha vez; pero Satán impedíunolo. 19 Pois, cal é a nosa esperanza, o noso gozo e mais a nosa coroa de gloria diante do noso Señor Xesús Cristo, no día da súa vinda? Ou non sodes vós? 20 Si, vós sodes a nosa gloria e a nosa alegría. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)