1 Samuel 8 - Biblia SEPTIsrael pide un rei 1 Cando Samuel se fixo vello, puxo a seus fillos por xuíces de Israel. 2 O primoxénito chamábase Xoel e o segundo Abías. Exercían coma xuíces en Beerxeba. 3 Pero os fillos non seguiron o camiño de Samuel, senón que se deixaron levar pola cobiza, aceptando regalos e torcendo o dereito. 4 Daquela xuntáronse os vellos de Israel, foron a Ramah onda Samuel 5 e dixéronlle: —"Velaí que ti estás vello e os teus fillos non van polo teu camiño. Dános, logo, un rei que nos goberne, coma o que teñen as outras nacións". 6 A Samuel pareceulle mal esa proposta: Dános un rei que nos goberne, e invocou ó Señor. 7 O Señor respondeulle: —"Atende ó pobo en todo o que che piden. Non te rexeitan a ti, senón a min, para que non reine sobre deles. 8 É o que fixeron sempre comigo, desde o día en que os saquei de Exipto ata hoxe: arredarse de min, para servir a outros deuses; iso é o que fan contigo. 9 Agora aténdeos no que piden, pero advírteos e dilles cal será o foro do rei que reinará sobre eles". 10 Samuel referiu ó pobo que pedía un rei o que lle dixera o Señor. 11 Díxolle: —"Este é o foro do rei que reinará sobre vós: collerá os vosos fillos, para servizo dos seus carros e da súa cabalería e para que corran diante da súa carroza. 12 Poraos de xefes de milleiro e de xefes de cincuentena; faralles arar as súas leiras e segar o seu trigo, fabricar armas para a guerra e trebellos para os carros. 13 As vosas fillas levaraas para perfumistas, cociñeiras e panadeiras. 14 Quitaravos o mellor dos vosos eidos, das vosas viñas e oliveiras, para dárllelo ós seus servidores. 15 Esixiravos o décimo do voso gran e das vosas vendimas, para dárllelo ós seus ministros e ós seus funcionarios. 16 Botará man dos vosos criados e criadas, dos vosos bois e dos vosos burros, para que fagan para el o seu traballo. 17 Decimará os vosos rabaños, e vós seredes os seus escravos. 18 Entón berraredes en contra do rei que escollestes, pero o Señor non responderá". 19 O pobo non lle fixo caso a Samuel e insistiu: —"Non. Nós queremos un rei! 20 Seremos coma as outras nacións. Teremos un rei que nos goberne e que saia á fronte de nós nas nosas guerras". 21 Samuel escoitou o que o pobo pedía e referiullo ó Señor. 22 O Señor díxolle a Samuel: —"Atende a súa demanda e noméalles un rei". Entón ordenoulles Samuel ós israelitas: —"Ídevos cada un para o voso lugar". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)