1 Samuel 7 - Biblia SEPTSAMUEL E XAÚL (1 Sam 7-15) O xuíz Samuel vence ós filisteos 1 Os de Quiriat Iearim foron recoller a arca do Señor, levárona á casa de Abinadab, que estaba no outeiro, e consagraron ó seu fillo Elazar para gardala. 2 Desde o día en que a arca do Señor se instalara en Quiriat Iearim pasara moito tempo —había diso vinte anos—, e todos os israelitas estrañaban a arca do Señor. 3 Entón falou Samuel deste xeito a todo Israel: —"Se vos convertedes ó Señor de todo corazón, desbotando de onda vós deuses alleos e Axtartés, se afincades no Señor o voso corazón, e se o servides só a el, o Señor libraravos da man dos filisteos". 4 Os israelitas desbotaron os Baales e as Axtartés e propuxeron servir só ó Señor. 5 Samuel mandoulles entón: —"Reunide en Mispah a todo Israel e pregareille ó Señor por vós". 6 Reunidos en Mispah, os israelitas sacaron auga e verquérona diante do Señor. Aquel día xexuaron e alí mesmo confesaron: —"Pecamos contra o Señor". En Mispah xulgou Samuel a Israel. 7 Cando souberon que os israelitas se xuntaran en Mispah, os príncipes dos filisteos subiron contra Israel. Oírono os israelitas e colléronlles medo ós filisteos. 8 E dixéronlle a Samuel: —"Roga, sen descanso, por nós ó Señor, noso Deus; que nos libre el da man dos filisteos". 9 Samuel colleu un año de leite e ofreceullo en holocausto ó Señor. Pregou ó Señor por Israel e o Señor escoitouno. 10 O tempo que Samuel ofrecía o sacrificio, os filisteos acercábanse para atacar a Israel. Pero o Señor mandou aquel día unha treboada que desbaratou ós filisteos. Despois estes foron vencidos polos israelitas. 11 Estes saíron de Mispah, perseguindo ós filisteos e batendo neles ata por baixo de Betcar. 12 Samuel colleu unha pedra e chantouna entre Mispah e Xen, e chamoulle Eben—ha—Ézer, querendo dicir: —"Ata aquí axudounos o Señor". 13 Os filisteos quedaron humillados e non volveron invadir os lindeiros de Israel. A man do Señor pesou sobre eles toda a vida de Samuel. 14 As cidades que os filisteos colleran a Israel, tiveron que devolverllas. Israel recuperou dos filisteos desde Ecrón ata Gat e os seus confíns. Entre Israel e os cananeos houbo paz. 15 Samuel foi xuíz de Israel por toda a súa vida. 16 Todos os anos facía un percorrido por Betel, Guilgal e Mispah, e administraba xustiza entre os israelitas en todos eses lugares. 17 Despois volvía para Ramah, onde tiña a súa casa. Desde alí gobernaba a Israel e alí tíñalle edificado un altar ó Señor. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)