1 Samuel 6 - Biblia SEPTRetorno da arca a Israel 1 A arca do Señor estivo sete meses na terra dos filisteos. 2 Os filisteos convocaron entón os seus sacerdotes e adiviños, para consultarlles: —"Que habemos facer coa arca de Iavé? Dicídenos a maneira de volvela ó seu sitio". 3 Eles respondéronlles: —"Se queredes devolver a arca do Deus de Israel, non a volvades de baleiro; pagádelle unha ofrenda expiatoria. Entón sandaredes e veredes por que a man do Señor non deixou de mancarvos". 4 Os filisteos preguntaron: —"Que ofrenda expiatoria lle podemos pagar?" Eles responderon: —"Cinco furunchos de ouro e cinco ratos de ouro, conforme o número dos príncipes dos filisteos, xa que a mesma praga vos aflixiu a vós e ós vosos príncipes. 5 Facede imaxes dos furunchos e dos ratos que estragaron o país, e rendédelle homenaxe ó Deus de Israel. Quizais entón alixeire a súa man sobre vós e sobre os vosos deuses e a vosa terra. 6 Para que mostrarvos teimudos, como fixeron os exipcios e o seu faraón, que soamente deixaron saír a Israel despois que o Señor os castigou? 7 Agora facede un carro novo, collede dúas vacas que estean criando e que non foran nunca xunguidas e poñédeas ó carro, deixando os seus becerriños pechados no cortello. 8 Despois colocades no carro a arca do Señor e, á carón dela, unha caixa cos obxectos de ouro que lle dades como ofrenda expiatoria, e botádelo, que se vaia. 9 Fixádevos ben: se colle o camiño do seu país, subindo cara a Betxémex, entón é que foi ese Deus quen vos causou tantas desgrazas; daquela saberemos que non foi a súa man a que nos feriu, senón un casual". 10 E fixérono así. Colleron dúas vacas de cría e puxéronas ó carro, deixando os seus becerriños pechados no cortello. 11 Colocaron no carro a arca do Señor e a caixa cos ratos de ouro e coas imaxes dos furunchos. 12 As vacas foron dereitas polo camiño de Betxémex, bruando namentres andaban o camiño, sen arredarse nin á dereita nin á esquerda. Os príncipes dos filisteos seguíanas detrás, ata os confíns de Betxémex. 13 A xente de Betxémex estaba na chaira, na seitura. Cando ergueron os ollos e viron a arca, aledáronse moito. 14 O carro entrou no eido de Xosué de Betxémex e alí parou ó lado dunha gran pedra. Os veciños fixeron estelas da madeira do carro e ofreceron as vacas en sacrificio ó Señor. 15 Os levitas baixaron a arca do Señor e a caixa que contiña as imaxes de ouro e puxérono todo enriba da gran pedra. E as xentes de Betxémex ofreceron aquel día holocaustos e sacrificios ó Señor. 16 Os cinco príncipes filisteos estivéronos observando e, naquel mesmo día, volveron para Ecrón. 17 Os furunchos de ouro que os filisteos pagaron como ofrenda expiatoria ó Señor, era un por Axdod, un por Gaza, un por Axquelón, un por Gat e un por Ecrón. 18 Tocante ós ratos de ouro, estes correspondían a todas as cidades dos cinco príncipes filisteos, o mesmo prazas muradas como aldeas desgornecidas. A gran pedra na que puxeron a arca do Señor, pódese ver aínda hoxe no eido de Xosué de Betxémex. 19 Os fillos de Ieconías non se aledaron coa demais xente de Betxémex, cando viron a arca do Señor, e o Señor castigou a setenta persoas da familia. O pobo fixo dó por aquela gran mortaldade coa que os ferira o Señor. 20 Os de Betxémex preguntábanse: —"Quen poderá aturar ante o Señor, ese Deus santo? Onda quen subirá, lonxe de nós?" 21 E mandaron mensaxeiros a Quiriat Iearim con este recado: —"Os filisteos devolveron a arca do Señor. Baixade e levádea convosco". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)