1 Samuel 5 - Biblia SEPTA arca en terra inimiga 1 Os filisteos capturaron a arca de Deus e levárona de Eben—ha—Ézer a Axdod. 2 Alí collérona, introducírona no santuario de Dagón e puxérona ó seu lado. 3 O outro día, ó erguérense as xentes de Axdod, atoparon a Dagón de fociños no chan diante da arca do Señor. Eles collérono e volvérono ó seu sitio. 4 O seguinte día erguéronse cedo e atoparon a Dagón outra vez de fociños no chan diante da arca do Señor. A cabeza e as mans de Dagón xacían tronzadas onda o limiar e quedáballe só o tronco. 5 Por iso aínda agora os sacerdotes de Dagón e calquera que entre no seu santuario, non pisan no seu limiar. 6 A man do Señor pesou moi dura sobre as xentes de Axdod. Estarreceu con furunchos a cidade e os seus arredores. 7 A vista do que pasaba, as xentes de Axdod decidiron: —"Que non quede onda nós a arca do Deus de Israel, pois a súa man endureceuse contra nós e contra Dagón, o noso deus". 8 Entón convocaron a todos os seus príncipes e consultáronlles: —"Que habemos facer coa arca de Deus de Israel?" E eles responderon: —"Que a leven a Gat". E trasladárona alí. 9 Pero, en canto chegou alí a arca, a man do Señor pesou sobre a cidade. Houbo un gran estremecemento, pois o Señor feriu cunha praga de furunchos a toda a poboación, ós pequenos e ós grandes. 10 Entón mandaron a arca de Deus cara a Ecrón. En canto a arca chegou alí, os ecronitas queixábanse dicindo: —"Trouxeron onda nós a arca do Deus de Israel. Será a nosa morte e a das nosas familias". 11 Entón convocaron de segundas a todos os seus príncipes e dixéronlles: —"Levade a arca do Deus de Israel, que volva ó seu sitio, non nos mate a nós e á nosa xente". Había un medo de morte na cidade, pois pesara alí moi dura a man de Deus. 12 A xente que non morría, era ferida de furunchos. O brado da cidade subía cara ó ceo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)