1 Samuel 4 - Biblia SEPTA ARCA E OS SEUS VAIVÉNS (4-6) Vitoria dos filisteos 1 A palabra de Samuel chegaba a todo Israel. Os israelitas saíron á guerra en contra dos filisteos. Acamparon en Eben—ha—Ézer e os filisteos en Afec. 2 Os filisteos puxéronse en orde de combate cara ós israelitas. Desatada a batalla, os israelitas sufriron unha grave desfeita, diante dos filisteos, que lles mataron no campo, dentro das súas ringleiras, case catro mil homes. 3 Cando a tropa volveu ó campamento, os anciáns de Israel preguntábanse: —"Por que nos deixou hoxe o Señor sufrir esta desfeita ante os filisteos? Levemos connosco de Xiloh a arca da alianza do Señor. Se vén El connosco, libraranos da man dos nosos inimigos". 4 Mandaron, pois, xente a Xiloh, para que trouxesen de alí a arca da alianza do Señor dos exércitos, que ten o trono enriba dos querubíns. Coa arca da alianza de Deus ían os dous fillos de Elí, Hofní e Pinhás. 5 Cando a arca da alianza do Señor chegou ó campamento, Israel botou un berro de guerra tan grande que a terra tremeu. 6 Os filisteos que o oíron, preguntaban: —"Que é ese gran berro de guerra, no campamento dos hebreos?" Souberon que chegara ó campamento a arca do Señor 7 e, mortos de medo, dicían: —"Entraron os deuses no campamento! Pobres de nós! Cousa coma ela aínda non acontecera. 8 Pobres de nós! Quen nos librará agora da man de deuses tan podentes? Eles son os que feriron ós exipcios con tantas pragas e pestes. 9 Coraxe, filisteos! Sede homes, para non convertervos en escravos dos hebreos, como eles o foron nosos. Sede homes e loitade!" 10 Os filisteos botáronse ó combate e venceron ós israelitas, que fuxiron, cada un para á súa tenda. Foi unha grave desfeita. Da infantería de Israel caeron trinta mil homes. 11 A arca de Deus foi capturada e morreron os dous fillos de Elí, Hofní e Pinhás. 12 Un home benxaminita saíu correndo do campo da batalla e chegou no día a Xiloh, coas vestiduras rachadas e a cabeza cuberta de po. 13 Entrou onda Elí e atopouno sentado na cadeira, onda a porta, enxergando a carreira, pois tremíalle o corazón pola arca de Deus. O home entrara coa súa noticia na cidade e a xente toda berraba. 14 Cando Elí oíu aqueles berros, preguntou: —"Que barullo é ese?" O tempo, o home entraba correndo onda Elí para darlle a noticia. 15 Elí cumprira noventa e oito anos; tiña os ollos ríxidos e xa non podía ver. 16 O home díxolle: —"Eu son o que chegou hoxe do campo da batalla". E el preguntoulle: —"Que pasou, meu fillo?" 17 O mensaxeiro respondeulle: —"Os israelitas fuxiron diante dos filisteos e o exército sufriu a meirande desfeita. Morreron os teus dous fillos, Hofní e Pinhás, e a arca de Deus foi capturada". 18 En dicindo o home a arca de Deus, Elí caeu da cadeira cara atrás, ó pé da porta, descrocouse e morreu. Era vello e estaba torpe. Fora xuíz de Israel corenta anos. 19 A súa nora, a muller de Pinhás, estaba embarazada, preto da hora de parir. En oíndo a noticia de que a arca de Deus fora capturada e de que morreran o seu sogro e o seu home, sentiu as dores do parto, engruñouse e pariu. 20 Estando á morte, as mulleres que a asistían, dicíanlle: —"Non teñas medo. Pariches un fillo". Pero ela non respondeu, nin tan sequera se decatou. 21 O neno puxéronlle o nome de Icabod, querendo dicir: —"Foi desterrada a gloria de Israel, pola captura da arca de Deus e pola morte do sogro e do home". 22 E repetían: —"Foi desterrada a gloria de Israel ó capturaren a arca de Deus". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)