1 Samuel 31 - Biblia SEPTMorte de Xaúl e de Ionatán 1 Os filisteos abriron o combate en contra de Israel. Os soldados de Israel retrocederon diante dos filisteos e moitos caeron nos montes de Guilboa. 2 Os filisteos seguiron de preto a Xaúl e a seus fillos e feriron de morte a Ionatán, a Abinadab e a Melquixúa, fillos de Xaúl. 3 O peso do combate caeu sobre Xaúl. O daren con el os arqueiros, ferírono gravemente. 4 Xaúl díxolle entón ó escudeiro: —"Saca a túa espada e atravésame con ela, primeiro de que cheguen eses incircuncisos, me atravesen eles e fagan escarnio de min". Pero o escudeiro non quixo atravesalo, pois estaba morto de medo. Entón colleu Xaúl a súa espada e deixouse caer por riba dela. 5 En vendo o escudeiro que morrera Xaúl, botouse el tamén sobre a súa espada e morreu con el. 6 Morreron no mesmo día Xaúl e os seus tres fillos, o seu escudeiro e moitos dos seus homes. 7 Cando os israelitas que vivían do outro lado do val e en Transxordania, viron que os soldados de Israel fuxían e que morreran Xaúl e seus fillos, abandonaron as súas cidades e escaparon. E os filisteos establecéronse alí. 8 O día seguinte foron os filisteos espoliar os cadáveres e atoparon a Xaúl e a seus tres fillos mortos no monte Guilboa. 9 Tronzáronlle a cabeza, quitáronlle as súas armas e mandáronas por todo o país dos filisteos, levando a boa nova ós seus ídolos e ó seu pobo. 10 As súas armas puxéronas no templo de Axtarté e o cadáver pendurárono nos muros de Bet—Xeán. 11 Cando souberon todo iso e o que os filisteos fixeran con Xaúl, os veciños de Iabex de Galaad 12 erguéronse, todos os valentes de entre eles, camiñaron a noite toda e tiraron dos muros de Bet—Xeán o cadáver de Xaúl e os de seus fillos. Leváronos a Iabex e alí queimáronos. 13 Despois recolleron os seus ósos, enterráronos debaixo do tamarisco de Iabex e xaxuaron sete días. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)