1 Samuel 29 - Biblia SEPTDavid excluído do exército filisteo 1 Os filisteos concentraron toda a súa tropa en Afécah e Israel acampou onda a fonte de Iezrael. 2 Os príncipes filisteos marchaban co seu exército dividido en centurias e en milleiros. David e os seus homes ían con Aquix na retagarda. 3 Os xenerais dos filisteos preguntaron: —"Que fan aí eses hebreos?" Aquix respondeulles: —"Ese é David, vasalo de Xaúl, o rei de Israel. Leva comigo cousa dun ou dous anos e, desde o día en que se pasou onda min ata o presente, non atopei nada en contra del". 4 Os príncipes dos filisteos dixéronlle a Aquix, anoxados: —"Despide a ese home; que volva ó lugar que lle sinalaches. Que non baixe connosco á guerra e, se cadra, no medio do combate, se nos converta en inimigo. Con que se reconciliaría co seu amo mellor que coas cabezas dos nosos homes? 5 Non é ese aquel David do que cantaban en corro: Xaúl matou os seus mil, pero David os seus dez mil?" 6 Aquix chamou a David, para dicirlle: —"Pola vida do Señor! Ti es home de ben e gustaríame moito verte entrar e saír a canda min no campamento, pois, desde o día da túa chegada ata hoxe, non atopei maldade en ti. Pero os outros príncipes non te ven con bos ollos. 7 Vólvete, logo, e vaite en paz, para non causarlles un desgusto ós príncipes dos filisteos". 8 David díxolle a Aquix: —"Que é, logo, o que fixen e que atopaches no teu servo, desde o día que cheguei onda ti ata o presente, para que non poida ir ó combate contra os inimigos do rei, meu señor?" 9 Aquix respondeulle a David: —"Sabes ben que, ós meus ollos, ti es bo coma un anxo de Deus. Pero os príncipes filisteos decidiron: non subirá connosco ó combate. 10 E con iso, pola mañá, erguédevos cedo, ti e os servos do teu señor que viñeron contigo, e, ó clarexar do día, ídevos". 11 David e os seus homes madrugaron e fóronse de mañá, de volta cara ó país dos filisteos. Os filisteos, pola súa parte, subiron a Iezrael. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)