Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Samuel 28 - Biblia SEPT

1 Daquela reuniron os filisteos as súas tropas para facer a guerra a Israel e Aquix díxolle a David: —"Sabes que tes que vir comigo á guerra, ti e mais os teus homes".

2 David respondeulle a Aquix: —"E ti saberás agora de que é capaz o teu servo". E Aquix díxolle: —"Daquela, poreite para sempre de garda da miña persoa".


Xaúl e a nigromante

3 Entre tanto, Samuel morrera. Todo Israel chorara por el e enterrárano en Ramah, a súa cidade. Xaúl desterrara do país ós nigromantes e ós adiviños.

4 Os filisteos reuníronse e acamparon en Xunem. Xaúl, pola súa parte, reuniu a todo Israel e acamparon en Guilboa.

5 O ver Xaúl o campamento filisteo, tivo medo e tremíalle o corazón.

6 Xaúl consultou o Señor, pero o Señor non lle respondeu nin por soños, nin polas sortes, nin por profetas.

7 Entón ordenoulles Xaúl ós seus criados: —"Buscádeme unha muller que convoque os mortos para ir consultar por ela". Os seus servidores respondéronlle: —"Aquí cerca, en Endor, hai unha muller que convoca os mortos".

8 Xaúl disfrazouse, vestindo roupas alleas, foi con dous dos seus homes e entrou de noite onda a muller. Xaúl ordenoulle: —"Adivíñame o porvir, chamando un morto. Fai subir a quen eu che diga".

9 A muller respondeulle: —"Ti sabes seguramente o que fixo Xaúl, que desterrou deste país ós nigromantes e ós adiviños. Por que me tendes agora unha trampa, para facéresme morrer?"

10 Xaúl xuroulle polo Señor: —"Vive o Señor, que non che ha vir por isto mal ningún".

11 A muller preguntoulle entón: —"A quen queres que chame?" El respondeulle: —"Convoca a Samuel."

12 Cando a muller viu a Samuel, pegou un berro e díxolle a Xaúl: —"Por que me enganaches? Ti es Xaúl".

13 O rei díxolle: —"Non teñas medo. Que é o que ves?" A muller díxolle a Xaúl: —"Vexo un espírito que sobe da terra".

14 El preguntoulle: —"Que aspecto ten?" Ela dixo: —"O dun home vello, envolto nun manto". Xaúl comprendeu que era Samuel e inclinouse, deitándose no chan.

15 Samuel preguntoulle a Xaúl: —"Por que me amolas facéndome subir?" Xaúl respondeulle: —"Véxome en gran apuro. Os filisteos decláranme a guerra e Deus arredouse de min: non me responde nin por profetas nin por soños. Chameite a ti para que me digas o que hei facer".

16 Samuel díxolle: —"E que me preguntas a min, se o Señor se arredou de ti e se fixo o teu inimigo?

17 O Señor está cumprindo o que dixera por min. Arrinca o reino das túas mans, para darllo a outro, a David.

18 Xa que ti non obedeciches as ordes do Señor e non fixeches sentir a Amalec o fogo da súa carraxe, por iso trátate o Señor hoxe deste xeito.

19 O Señor entrega contigo tamén a Israel na man dos filisteos. Mañá ti e mais os teus fillos estaredes comigo, e o Señor entregará tamén nas mans dos filisteos o exército de Israel".

20 De súpeto Xaúl caeu polo chan, tan longo como era, morto de medo polas palabras de Samuel. Amais estaba desfalecido, pois non comera nada en todo o día e en toda a noite.

21 A muller acercouse a Xaúl e, ó velo tan amedrentado, díxolle: —"Ti ves que a túa serva obedeceu as túas ordes; por facer caso das túas palabras, arrisquei a miña vida.

22 Agora obedece ti tamén á túa serva e déixame que che poña diante un anaco de pan, para que, comendo, recobres as forzas e poidas seguir o teu camiño".

23 El refugouno dicindo: —"Non quero comer". Pero os seus servidores e mais a muller seguíronlle porfiando e el fíxolles caso. Erguéndose do chan, sentouse no escano.

24 A muller tiña na casa un becerro cebado e foi axiña matalo. Logo colleu fariña e amasouna e coceu unhas fogazas.

25 Serviulle de todo a Xaúl e ós seus servidores, que comeron. Despois, na mesma noite, botáronse ó camiño.

Lean sinn:



Sanasan