1 Samuel 25 - Biblia SEPTDavid, Nabal e Abigail 1 Samuel morreu e todo Israel se xuntou para choralo. Enterrárono en Ramah na súa propiedade. Despois diso David baixou cara ó deserto de Maón. 2 En Maón había un home que tiña os seus eidos en Carmel. Era moi rico. Tiña tres mil ovellas e mil cabras. Fora a Carmel para tosquiar as súas ovellas. 3 Chamábase Nabal e a súa muller Abigail. A muller era asisada e belida; pero o home, un calebita, era áspero e retorto. 4 David oíu no deserto que Nabal facía o tosquiado das ovellas 5 e mandou vinte homes coa encomenda: —"Subide a Carmel, chegádevos onda Nabal e saudádeo da miña parte. 6 Dicídelle: Saúde! A paz contigo, coa túa familia e con toda a túa facenda. 7 Souben que andas no tosquiado. Ora os teus pastores estiveron connosco e nós nunca os molestamos nin lles faltou cousa ningunha, mentres estiveron connosco en Carmel. 8 Pregúntallelo ós teus criados, que eles cho dirán. Atende, logo, benevolamente ós meus homes, xa que chegamos nun día de ledicia e dálles ós teus servos e ó teu fillo David o que teñas á man". 9 Chegados os homes de David onda Nabal, repetíronlle esas palabras no nome de David e quedaron á espera. 10 Pero Nabal respondeulles: —"Quen é David e quen o fillo de Ixaí? Hoxe abundan os escravos que foxen de onda os seus amos. 11 Seica vou coller eu o meu pan e a miña auga e as ovellas que matei para os meus tosquiadores e darllos a unha x ente que nin sei de onde vén?" 12 Os homes de David deron volta polo mesmo camiño e, en chegando, contáronllo todo palabra por palabra. 13 David ordenoulles entón: —"Cinguídevos cada un a vosa espada". E todos cinguiron as espadas, o mesmo David coma os seus homes. Catrocentos deles subiron, seguindo a David, e douscentos quedaron gardando a equipaxe. 14 Un dos criados avisou a Abigail, a muller de Nabal: —"Mira que David mandou desde o deserto mensaxeiros, que saudaran ó noso amo e este tratounos mal. 15 Eles, pola súa parte, tíñannos tratado sempre ben; nunca nos molestaron, nin nos faltou cousa ningunha, mentres nós estivemos fóra. 16 Foron a nosa defensa, de noite e de día, todo o tempo en que estivemos preto deles gardando os rabaños. 17 Pensa, logo, que podes facer, porque a desgraza do noso amo e da súa familia está xa decidida, ó ser el un parvo que non atende a razóns". 18 Abigail, a toda présa, colleu douscentos pans, dous pelellos de viño, cinco cordeiros cocidos, cinco tegas de gran torrado, cen acios de uvas pasas e duascentas tortas de figos e carrexou todo en burros. 19 E díxolles ós criados: —"Ide diante de min; eu seguireivos". O seu home Nabal non lle dixo nada. 20 Ia a cabalo do burro, baixando, ó amparo do monte. David e os seus homes baixaban na súa dirección e atopáronse con ela. 21 David ía cismando: —"Perdín o tempo gardando as habenzas dese no deserto. Non lle faltou cousa ningunha e agora págame mal por ben. 22 Que Deus castigue a David, se mañá deixo con vida un só dos homes de Nabal". 23 En canto Abigail viu a David, baixouse ás présas do burro e prostrouse diante del co rostro cara ó chan. 24 Axeonllada ós seus pés, díxolle: —"Que a culpa, señor, recaia sobre min. Pero permite á túa serva que che fale; escoita as palabras da túa serva. 25 Que o meu señor non tome en serio a ese perverso de Nabal, pois, como di o seu nome, Nabal é un parvo, no que a necidade se acubilla. A túa serva non viu eses homes que ti, meu señor, mandaches. 26 Agora, meu señor, polo Señor e pola túa vida! O Señor impediu que chegases a verter sangue e que colleses a xustiza pola man. Que se vexan coma Nabal os teus inimigos e os que tentan facerche mal. 27 Rógoche que este agasallo, que a túa serva lle trouxo ó meu señor, sexa repartido entre os homes que seguen ó meu señor. 28 Pídoche que perdoes o erro da túa serva. Certamente o Señor halle dar ó meu señor unha familia duradeira. Xa que o meu señor pelexa nas guerras do Señor, o mal non te acadará en toda a túa vida. 29 Se alguén se erguese perseguíndote coa intención de matarte, a vida do meu señor está gardada no acio dos que viven co Señor, o teu Deus, mentres a vida dos teus inimigos será posta no coiro da fonda. 30 Cando o Señor cumpra co meu señor todo o ben que lle prometeu e o teña establecido por rei de Israel, 31 que o meu señor non teña o pesar nin o remorso de conciencia de verter sangue sen razón e de tomar a xustiza pola man. Cando o Señor te colme de bens, lémbrate da túa serva". 32 David respondeulle a Abigail: —"Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, que te mandou neste intre ó meu encontro. 33 Bendito sexa o teu xuízo e bendita ti, que me impediches hoxe verter sangue, 34 pois, pola vida do Señor, Deus de Israel, que me impediu facerche mal, que se non viñeses con tanta présa ó meu encontro, non lle quedaría a Nabal un só home ó lumbrigar do día". 35 David tomou da súa man o que ela lle trouxera e logo díxolle: —"Sube en paz á túa casa. Ves que fago o que me pediches e que che teño consideración". 36 Cando Abigail chegou onda Nabal, encontrouno celebrando unha esmorga de rei na súa casa. Tiña contento o corazón e estaba moi chispo. Ata ó amencer ela non lle dixo unha palabra, nin máis alta nin máis baixa. 37 Pola mañá, cando xa o viño saíra de Nabal, ela contoulle o que pasara. A Nabal paralizóuselle o corazón dentro do peito e quedou coma unha pedra. 38 Dez días despois, o Señor feriu a Nabal e este morreu. 39 Cando soubo David que morrera Nabal, exclamou: —"Bendito sexa o Señor, que me fixo xustiza da aldraxe que me fixera Nabal e que librou a este seu servo de facer mal, mentres fixo caer a maldade de Nabal sobre a súa propia cabeza". Despois David mandou dicir a Abigail que quería que fose a súa muller. 40 Os criados de David chegaron a Carmel onda Abigail e propuxéronlle da súa parte: —"David mándanos onda ti, pedirche que sexas a súa muller". 41 Ela deitouse no chan e respondeulles: —"Aquí está a túa serva, disposta a lavar os pés dos criados do meu señor". 42 E axiña ergueuse, montou no burro e, acompañada de cinco criadas que a servían, marchou cos mensaxeiros de David e foi a súa muller. 43 David casou tamén con Ahinoam de Iezrael. As dúas foron as súas mulleres. 44 Xaúl, polo outro lado, déralle por muller a súa filla Micol, muller de David, a Paltí, fillo de Láix de Galim. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)