1 Samuel 23 - Biblia SEPTDavid en Queilah 1 Comunicáronlle a David: —"Os filisteos atacan Queilah e saquean as súas eiras". 2 David consultoulle ó Señor: —"Debo subir e baterme con eses filisteos?" O Señor respondeulle: —"Vai. Vencerás os filisteos e salvarás Queilah". 3 Pero os homes de David dixéronlle: —"Ves que, mesmo aquí, en Xudá, nós temos medo, canto máis se nos levas a Queilah contra as hostes dos filisteos". 4 David volveu consultar o Señor e o Señor respondeulle: —"Vai, baixa a Queilah, pois vouche poñer nas mans os filisteos". 5 David foi a Queilah cos seus homes, loitou contra os filisteos, colleulles os seus rabaños e inflixiulles unha grave desfeita. Daquela salvou David ós veciños de Queilah. 6 Abiatar, fillo de Ahimélec, que fuxira para onda David e que fora con el a Queilah, levaba consigo o efod. 7 Informaron a Xaúl de que David chegara a Queilah e pensou: —"Deus pono nas miñas mans, pois, meténdose nunha cidade con portas e ferrollos, encérrase a si mesmo". 8 Xaúl convocou á guerra a todo o exército, a fin de baixar a Queilah e pórlle o cerco a David e ós seus homes. 9 O saber David que Xaúl estaba tramando a súa perdición, díxolle ó sacerdote Abiatar: —"Trae aquí o efod". 10 E David consultou: —"Señor, Deus de Israel, o teu servo oíu dicir que Xaúl decidiu vir a Queilah e arrasar, por culpa miña, a cidade. 11 Señor, Deus de Israel, baixará Xaúl, conforme o teu servo oíu dicir? Respóndelle ó teu servo". O Señor respondeulle: —"Baixará". 12 David preguntou: —"Entregarannos, os donos de Queilah, a min e ós meus homes, nas mans de Xaúl?" E o Señor respondeulle: —"Entregaranvos". 13 Entón David e os seus homes, en número duns seiscentos, saíron de Queilah e camiñaron por onde lles pareceu. Informaron a Xaúl de que David fuxira de Queilah e desistiu da súa expedición. Xaúl tras de David no deserto de Zif 14 David refuxiouse no ermo e morou na montaña do deserto de Zif. Xaúl andaba todos os días na súa busca pero Deus non o deixou caer nas súas mans. 15 Estando en Horex, no deserto de Zif, David tivo medo, pois soubo que Xaúl saíra para matalo. 16 Ionatán, fillo de Xaúl, chegouse a Horex, onda David, para fortalecerlle a confianza en Deus. 17 Díxolle: —"Non teñas medo. A man de meu pai Xaúl non te tocará. Ti serás rei de Israel e eu serei o teu segundo. Sábeo mesmo o meu pai Xaúl". 18 E fixeron os dous un pacto diante do Señor. Despois David quedou en Horex e Ionatán tornou para a súa casa. 19 Algúns homes de Zif subiron a Guibah, onda Xaúl, e informárono: —"David escóndese onda nós, nos refuxios de Horex, no alto de Haquilah, ó sur de Ieximón. 20 Xa que logo, rei, baixa, se queres. Entregalo nas mans do rei queda da nosa conta". 21 Xaúl díxolles: —"Que o Señor volo pague, pois compadecéstesvos de min. 22 Ide e asegurádevos. Informádevos e vede por onde anda e quen son os que o viron por alí, pois dixéronme que é home moi arteiro. 23 Rexistrade os recunchos onde se esconde e volvede cos datos precisos. Entón irei eu convosco e, se se encontra nesa bisbarra, buscareino entre todas as familias de Xudá". 24 Eles colleron entón e fóronse a Zif, adiantándose a Xaúl. David retirárase cos seus homes cara ó deserto de Maón, na estepa, ó sur de Ieximón. 25 Xaúl púxose a buscalo cos seus homes. Pero informaron diso a David e baixou para onda os penedos que hai no deserto de Maón. Cando Xaúl o soubo, foi polo deserto adiante, perseguíndoo. 26 Xaúl ía por un lado do monte e David cos seus homes polo outro. David ía de présa, para escapar de Xaúl, e Xaúl cos seus homes cercaba a David e ós seus, para atrapalos. 27 Estando niso, chegoulle unha mensaxe a Xaúl: —"Vén de seguida, que os filisteos están invadindo o país". 28 Xaúl entón deu a volta e deixou de perseguir a David, para ir e saírlles ó paso ós filisteos. Por iso se lle chamou a aquel sitio rocha da separación. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)