Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Samuel 21 - Biblia SEPT


David cos sacerdotes de Nob

1 David ergueuse e marchou e Ionatán volveu para a cidade.

2 David chegou a Nob, onda o sacerdote Ahimélec. Ahimélec saíu inquedo ó seu encontro e preguntoulle: —"Como é que vés só, sen compaña de ninguén?"

3 David respondeulle ó sacerdote Ahimélec: —"O rei envioume a un asunto e ordenoume: que ninguén saiba nada do asunto que che mando nin das ordes que che dei. Teño citados en certo sitio os meus homes.

4 Agora dáme cinco pans, se os tes á man, ou o que teñas".

5 O sacerdote respondeulle a David: —"Non teño á man pan común; dareiche pan consagrado, se os teus homes se gardaron do trato con mulleres".

6 David díxolle ó sacerdote: —"Non. As mulleres estannos prohibidas, coma sempre que saímos de batida. Os corpos dos meus homes están limpos. Mesmo se esta saída é ordinaria, os homes hoxe están limpos".

7 O sacerdote deulle o pan consagrado, xa que non había alí outro pan, fóra dos pans da presentación, que foran retirados da presenza do Señor, para por os quentes do día.

8 Aquel día había alí un home dos servos de Xaúl, detido no santuario, que se chamaba Doeg, edomita, xefe dos pastores de Xaúl.

9 David preguntoulle a Ahimélec: —"Non terás aquí, á man, unha lanza ou unha espada? Non traio comigo nin espada nin arma ningunha, porque a encomenda do rei era urxente".

10 O sacerdote respondeulle: —"Teño a espada de Goliat, o filisteo que ti mataches no val de Elah. Aí está, envolta nun pano, tras do efod. Se a queres, cóllea, pois aquí, fóra desa, non hai outra". David respondeulle: —"Non a hai coma ela. Dáma".


David co rei Aquix de Gat

11 David foi fuxindo aquel día da presenza de Xaúl e chegou onda Aquix, rei de Gat.

12 Os servidores de Aquix comentaron con el: —"Non é ese David, o rei do país? Non era a el a quen lle cantaban en corro: Xaúl matou os seus mil, pero David os seus dez mil?"

13 David reparou naqueles comentarios e colleulle medo a Aquix, rei de Gat.

14 Entón púxose a facer o tolo diante deles, para pasar por louco. Rabuñaba as portas cos dedos e deixaba esvarar o cuspe pola barba.

15 Aquix díxolles entón ós seus serventes: —"Como vedes, este home está louco. Para que mo trouxestes aquí?

16 Seica ando eu escaso de tolos, para que traiades a este facer toladas diante miña? Vai entrar este no meu pazo?"

Lean sinn:



Sanasan