Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Samuel 20 - Biblia SEPT


David e Ionatán

1 David fuxiu de Naiot de Ramah e foille dicir a Ionatán: —"Que é o que fixen e en que lle faltei a teu pai, para que queira matarme?"

2 Ionatán respondeulle: —"De ningunha maneira! Ti non morrerás. Sabes que meu pai non fai cousa ningunha, nin grande nin pequena, sen dicirmo a min. Por que me ía ocultar agora isto? Non é posible!"

3 Mais David insistiu: —"Teu pai sabe moi ben que eu che caín en graza e pensará: Que non saiba isto Ionatán para que non se entristeza. Pero, pola vida do Señor e pola túa vida, que estou a un paso da morte".

4 Ionatán díxolle a David: —"Que queres que faga por ti? Estou disposto a facelo".

5 David díxolle a Ionatán: —"Mañá é lúa nova e eu terei que sentarme a comer á mesa do rei. Déixame que marche e me esconda nas aforas, ata pasado mañá á tarde.

6 Se teu pai me bota de menos, ti diraslle: David pediume permiso para facer unha escapada á súa cidade de Belén, pois a súa familia celebra alí o sacrificio anual.

7 Se el che di que está ben, estou a salvo; pero, se se enfada, de seguro que ten decidido algo malo.

8 Ti móstrate bo co teu servo, pois vinculáchesme contigo por un pacto diante do Señor. Se atopas en min iniquidade, mátame ti mesmo. Para que esperar a levarme onda teu pai?"

9 Ionatán respondeulle: —"Líbreme Deus! Se chegase a saber que meu pai ten decidido o peor para ti, non cho ía dicir?"

10 David preguntoulle a Ionatán: —"E quen me informará, no caso de que teu pai che dea unha mala resposta?"

11 Ionatán díxolle a David: —"Ven, vamos fóra. E saíron os dous ó campo".

12 Ionatán díxolle a David: —"Polo Señor, Deus de Israel, que mañá, destas horas, xa darei sabido se meu pai está ou non de boas con David, e mandarei que che dean o recado.

13 E se non, que o Señor castigue a Ionatán. Se meu pai ten decidido o mal para ti, eu fareicho saber. Despedireite e iraste en paz. E que o Señor vaia contigo, como estivo con meu pai.

14 Se entón eu vivo aínda, mostra comigo a bondade do Señor; e se morrín,

15 non deixes nunca de ser bo coa miña familia. Cando borre o Señor da face da terra os inimigos de David,

16 que non sexa borrado da súa casa o nome de Ionatán. Que o Señor lles pida contas ós inimigos de David".

17 E Ionatán renovoulle a David o xuramento, polo amor que lle tiña, pois queríalle coma a si mesmo.

18 Despois díxolle Ionatán: —"Mañá é lúa nova e, ó ver baleiro o teu asento, botarante de menos.

19 Pasado mañá será aínda peor. Ti vai a onde te escondiches da outra vez e queda alí, onda a pedra de Ézel.

20 Eu dispararei tres frechas para ese lado, coma quen tira ó branco,

21 e logo mandarei o criado cara a ti, para que colla as frechas. Se lle digo ó criado: Mira que as frechas están para acó de ti: cólleas, entón ti podes vir; estás salvado; non pasa nada, pola vida do Señor.

22 Pero, se lle digo ó rapaz: Mira que as frechas están para alá de ti, entón vaite, pois é o Señor quen te manda.

23 Tocante á promesa que media entre nosoutros dous, o Señor estará para sempre entre nós".

24 David escondeuse na campía. Chegada a lúa nova, o rei púxose á mesa para comer.

25 O rei sentouse onda sempre na cadeira de onda a parede, Ionatán enfronte del e Abner á beira de Xaúl. O asento de David quedou baleiro.

26 Aquel día Xaúl non dixo nada, pois pensou: será casualidade. Quizais non está puro ou non puido purificarse.

27 O día seguinte, o segundo do mes, o asento de David seguía baleiro e Xaúl preguntoulle ó seu fillo Ionatán: —"Por que, nin onte nin hoxe, veu comer o fillo de Ixaí?"

28 Ionatán respondeulle: —"Pediume permiso apresurado para achegarse a Belén. Díxome:

29 Déixame ir, pois a familia celebra na cidade o sacrificio anual e os meus irmáns dixéronme que fose. Se merezo o teu favor, déixame que me chegue alí correndo, para visitar os meus irmáns. Por iso non está á mesa do rei".

30 Xaúl alporizouse e díxolle a Ionatán: —"Fillo de zorra, xa sabía eu que es amigo do fillo de Ixaí, para vergonza túa e para vergonza de túa nai.

31 Mentres o fillo de Ixaí siga con vida na terra, non estades seguros nin ti nin o teu reino. Agora manda que o traian onda min, pois merece a morte".

32 Ionatán respondeulle a seu pai: —"Por que ten que morrer? Que é o que fixo?"

33 Xaúl brandiu a lanza contra el para matalo e Ionatán comprendeu que seu pai tiña decidida a morte de David.

34 Ionatán ergueuse da mesa anoxado, sen probar bocado aquel día, o segundo do mes, aflixido porque seu pai aldraxara a David.

35 Pola mañá saíu ó campo cun rapaz pequeno canda el á hora que conviñera con David.

36 Ionatán díxolle ó criado: —"Corre coller as frechas que eu tire". O criado foi correndo e el tirou unha frecha, que pasou alén del.

37 O criado buscaba o sitio da frecha que tirara Ionatán, e este berroulle: —"Está aí, máis aló de ti".

38 E seguiulle berrando: —"Corre de présa; non te pares". O criado colleu a frecha e levoulla ó seu amo.

39 O criado non sospeitou cousa ningunha. Pero Ionatán e David puideron entenderse.

40 Ionatán deulle as súas armas ó criado e díxolle: —"Anda, lévaas á casa".

41 E o criado marchou. David ergueuse de tras da pedra e prostrouse tres veces polo chan. Despois abrazáronse, chorando os dous, sobre todo David.

42 Ionatán díxolle a David: —"Vaite en paz. E, conforme o xuramento que fixemos entre os dous, no nome do Señor, que o Señor estea entre nós e entre os nosos descendentes para sempre".

Lean sinn:



Sanasan