1 Samuel 2 - Biblia SEPTCanto de Ana 1 Ana dixo daquela esta oración: —"O meu corazón alégrase no Señor, érgome forte no meu Deus; a miña boca rise dos meus inimigos, porque celebro a túa salvación. 2 Non hai santo coma o Señor! Non hai rocha coma o noso Deus! 3 Non botedes discursos altivos, non saia arrogancia da vosa boca. O Señor é un Deus ben sabedor, el é quen pesa as accións. 4 Os arcos dos fortes sofren quebra, os febles énchense de valor; 5 os fartos contrátanse polo pan, mentres que os famentos descansan; a que antes era estéril, dá á luz sete veces; a que antes se enchía de fillos, agora vese baldeira. 6 O Señor dá a morte e a vida, afunde no abismo e saca de alí. 7 O Señor enriquece e desposúe, humilla e tamén engrandece. 8 El ergue da lama ó humilde e tira ó pobre da esterqueira, para o sentar entre os príncipes coma herdeiro dun trono de gloria; pois do Señor son os alicerces da terra e sobre eles asentou o universo. 9 El garda os pasos dos seus amigos e afunde ós malvados nas tebras, que non é pola forza como o home se impón. 10 O Señor desbarata a quen se lle opón, o Altísimo trona desde o ceo. O Señor xulga os confíns da terra, enche de vigor ó seu rei, afirma no poder ó seu unxido". 11 Elcanah retornou para a súa casa de Ramah, e o neno quedou ó servizo do Señor, ás ordes do sacerdote Elí. Samuel e os sacerdotes elidas 12 Os fillos de Elí eran xente de pouco valer. Non respectaban o Señor 13 nin a súa obriga de sacerdotes do seu pobo. Cando alguén ofrecía un sacrificio, mentres a carne se cocía, viña o criado do sacerdote, co garfo de tres dentes na súa man, 14 espetábao no caldeiro, na cazola, no pote ou tarteira, e todo o que a forca sacaba, leváballo ó sacerdote. Iso era o que facían con todos os israelitas que chegaban a Xiloh. 15 Aínda co lardo sen queimar, viña o criado do sacerdote e dicíalle a quen ofrecía o sacrificio: —"Dáme a carne para o asado do sacerdote. El non che admitirá carne cocida, senón crúa". 16 Se o home lle dicía: —"Hai que queimar primeiro o lardo; despois colle o que se che antolle"; el respondíalle: —"Non, dáma agora; se non, collereina pola forza". 17 O pecado daqueles criados era grave ós ollos do Señor, porque a xente aborrecía as ofrendas do Señor. 18 O pequeno Samuel, pola súa parte, estaba ó servizo do Señor, cinguido cunha faixa de liño. 19 A súa nai facíalle todos os anos unha túnica e leváballa, cando subía co seu home ofrecer o sacrificio anual. 20 Elí bendicía a Elcanah e á súa muller, e agoiráballes: —"Que o Señor che conceda descendencia por esta túa muller, en pagas da que ela lle cedeu ó Señor". Despois volvían para a súa casa. 21 O Señor visitou a Ana, que concibiu e pariu tres fillos e dúas fillas. O neno Samuel, namentres, medraba na presenza do Señor. 22 Sendo Elí xa moi vello, oía o que facían os seus fillos coa xente de Israel e como se deitaban coas mulleres que prestaban servizo á entrada da Tenda do Encontro. 23 E dicíalles: —"Como é que facedes esas cousas? A xente toda fálame do voso mal comportamento. 24 Non, fillos; non está ben o que me contan, pois dese xeito afastades o pobo do Señor. 25 Se un home ofende a outro home, Deus xulgará entre os dous; pero se ofende ó Señor, quen avogará por el?" Mais eles non lle facían caso a seu pai, porque o Señor decidira que morresen. 26 Pola súa parte, o neno Samuel seguía medrando, querido polo Señor e polos homes. Un profeta anuncia a fin do sacerdocio de Xiloh 27 Un home de Deus chegou onda Elí para anunciarlle: —"Isto di o Señor: Non me revelei eu á familia do teu pai, cando estaban aínda en Exipto, escravos do faraón? 28 Non o escollín a el, de todas as tribos de Israel, para que fose o meu sacerdote, subise ó meu altar, queimase o meu incenso e levase o efod diante de min? A familia de teu pai concedinlle unha parte nas oblacións dos israelitas. 29 Por que, logo, pisades o sacrificio e a oblación que eu mandei facer na miña morada? Por que aprecias os teus fillos máis ca a min, deixándoos que se ceben co mellor das ofrendas do meu pobo Israel? 30 Por iso, isto di o Señor, Deus de Israel: Eu tíñalles dito á túa familia e á familia do teu pai que servirían no meu santuario para sempre; mais agora, palabra do Señor, que non será. Pois eu honro ós que me honran, pero os que me desprezan veranse desprezados. 31 Está vindo o día no que eu tronzarei o teu brazo e o brazo da familia de teu pai: Ninguén na túa familia chegará á vellez. 32 Ti verás con envexa o ben que eu lle farei a Israel; pero na túa familia non haberá nunca un vello. 33 Non arrincarei todos os teus de onda o meu altar, mentres non se ensuman os teus ollos e o teu espírito esmoreza; pero os máis da túa familia morrerán pola man dos homes. 34 Sírvache de sinal o que lles vai vir ós teus dous fillos, Hofní e Pinhás: morrerán os dous no mesmo día. 35 Eu escollerei un sacerdote fiel, que faga o que eu quero e desexo. Dareille unha familia duradeira e camiñará sempre en conformidade co meu unxido. 36 Os que sobrevivan da túa familia iranse postrar diante del, por unha moeda de prata e un anaco de pan, e pediranlle: emprégame en calquera función sacerdotal, para ter algo que comer". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)