1 Samuel 17 - Biblia SEPTDavid e Goliat 1 Os filisteos reuniron os seus exércitos para a guerra, concentráronse en Socoh de Xudá e acamparon en Efesdamim, entre Socoh e Azecah. 2 Tamén Xaúl reuniu os israelitas e acamparon no val da Aciñeira, dispostos en orde de batalla, fronte dos filisteos. 3 Os filisteos estaban apostados na aba dun monte e os israelitas na do outro, co val entre os dous. 4 Das ringleiras dos filisteos saía un home dos de choque que se chamaba Goliat, nado en Gat, de case tres metros de grande. 5 Levaba un helmo de bronce na cabeza e ía vestido cunha coiraza de escamas, de bronce, de cinco mil siclos de peso. 6 As pernas levábaas cubertas de perneiras de bronce e ía cun mallo de bronce ás costas. 7 O cabo da súa lanza era coma o rolo do tecelán; a súa punta, de ferro, pesaba seiscentos siclos. Diante del ía o escudeiro. 8 Chantábase cara ás ringleiras do exército israelita e berraba: —"Por que vos dispoñedes todos para o combate? Non son eu un filisteo e vosoutros os servos de Xaúl? Escollede un dos vosos e que baixe onda min. 9 Se é home de pelexar comigo e me mata, seremos os vosos escravos; mais, se podo eu nel e o mato, seredes vós escravos nosos e quedaredes ó noso servizo". 10 E dixo aínda o filisteo: —"Eu desafío hoxe ó exército de Israel. Mandádeme un home que pelexe comigo". 11 Cando Xaúl e os israelitas oíron o que dicía o filisteo, morrían de medo. 12 David era fillo dun efrateo de Belén de Xudá, que se chamaba Ixaí e que tiña oito fillos. Nos días de Xaúl, ese home era xa vello, moi entrado en anos. 13 Os seus tres fillos máis vellos marcharan á guerra, seguindo a Xaúl. O primeiro dos tres chamábase Eliab, o segundo Abinadab e o terceiro Xamah. 14 David era o máis novo; os tres máis vellos seguían a Xaúl. 15 David ía e viña do campamento de Xaúl a Belén, para alindar os rabaños de seu pai. 16 Entrementres, o filisteo acercábase e chantábase diante de Israel, mañá e tarde; e iso xa por corenta días. 17 Ixaí mandoulle ó seu fillo David: —"Colle esta tega de gran torrado e estes dez pans e chégate ó campamento, xunto dos teus irmáns; 18 leva para o xefe estes dez queixos. Infórmate de se están ben os teus irmáns e trae contigo un sinal deles". 19 Xaúl, os irmáns de David e todo Israel estaban no val da Aciñeira, loitando cos filisteos. 20 David ergueuse cedo, encomendoulle a un pastor a garda do rabaño, cargou as cousas e foise, conforme seu pai Ixaí lle ordenara. Chegando el ó campo dos carros, saía o exército e púñase en orde de batalla, dando o berro de guerra. 21 Israelitas e filisteos aliñáronse para o combate, uns enfronte dos outros. 22 David deixou as cousas ó cargo dos que gardaban a bagaxe e foise correndo ás ringleiras preguntarlles ós irmáns pola saúde. 23 Mentres falaba alí con eles, saíu das ringleiras filisteas o valente de Gat, chamado Goliat. Repetiu as palabras de sempre e David puido oílo. 24 Os israelitas, en canto o viron, fuxían, mortos de medo. 25 Un israelita aclarou: —"Vedes ese home que se adianta? Vén para desafiar a Israel. A quen o mate, o rei cubrirao de riquezas, daralle a súa filla por muller e escusará á súa familia de pagar tributo en Israel". 26 David preguntoulles ós homes que estaban alí onda el: —"Que lle darán a quen mate a ese filisteo e tire esa aldraxe de Israel? E quen é ese filisteo incircunciso, que ousa insultar as hostes do Deus vivo?" 27 Os soldados dixéronlle o sabido: —"A quen o mate daranlle ese premio". 28 Cando Eliab, o irmán máis vello, oíu a David falando cos soldados, enfadouse con el e díxolle: —"A que viñeches ti aquí? A quen encargaches as túas catro ovellas no deserto? Eu coñezo ben o teu atrevemento e a túa malicia. Viñeches ver o combate". 29 David respondeulle: —"Que é o que fixen agora? Que era, senón unha pregunta?" 30 David retirouse de alí cara a outro lado e preguntou outra vez. E os soldados déronlle a mesma resposta cá primeira. 31 Moitos oíron as palabras que dixera David e puxérono en coñecemento de Xaúl, quen mandou que o trouxesen onda el. 32 David díxolle a Xaúl: —"Ninguén se aflixa por ese. O teu servo irá loitar contra ese filisteo". 33 Xaúl díxolle a David: —"Non podes loitar contra ese filisteo, pois ti es un rapaz e el é un guerreiro desde neno". 34 David respondeulle: —"O teu servo é pastor das ovellas de seu pai. Se chega o león ou o oso e leva unha ovella do rabaño, 35 eu saio correndo detrás del, zóupolle e arríncolla da boca. Se el se repón contra min, agárroo polas queixadas e doulle, ata matalo. 36 O teu servo ten matado tanto leóns coma osos. Ese filisteo incircunciso será coma outro deles, por desafiar as hostes do Deus vivo". 37 E David engadiu: —"O Señor que me librou das gadoupas do león e do oso, hame librar tamén das mans dese filisteo". Xaúl díxolle: —"Vai e que o Señor vaia contigo". 38 Xaúl vestiulle a David a súa roupa, púxolle un casco de bronce na cabeza, revestiuno coa súa coiraza e cinguiulle, por riba dela, a súa espada. 39 David tratou de camiñar, pero non estaba afeito a iso e díxolle a Xaúl: —"Con isto non podo camiñar porque non estou afeito". E quitou todo de encima. 40 Despois colleu o seu caxato, escolleu cinco pelouros do regato e meteunos no seu foleco; e coa fonda na man chegouse onda o filisteo. 41 O filisteo, da súa parte, adiantouse tamén cara a David, precedido do seu escudeiro. 42 Axiña que o filisteo mirou e viu a David, desprezouno, pois non era máis ca un rapaz, louro e fermoso. 43 E berroulle: —"Seica son eu un can, para que veñas cara a min cunha caxata?" E maldiciu a David no nome dos seus deuses. 44 Despois o filisteo chamou a David: —"Ven acó, que vou botar a túa carne ós paxaros do ceo e ás feras do monte". 45 David respondeulle: —"Ti vés cara a min con espada, con lanza e con frechas, mentres eu vou cara a ti no nome do Señor dos exércitos, o Deus das hostes de Israel, a quen ti aldraxaches. 46 Hoxe porate o Señor nas miñas mans e eu matareite e cortareiche a cabeza. Botareilles os cadáveres do exército filisteo ós paxaros do ceo e ás feras da terra e recoñecerá todo o mundo que hai un Deus en Israel. 47 Toda esta xente aprenderá que o Señor non outorga a vitoria ás espadas e ás lanzas. O Señor é dono da guerra e entregaravos nas nosas mans". 48 O filisteo levantouse e adiantouse cara a David, mentres David saía correndo das ringleiras ó encontro do filisteo. 49 David meteu a man no seu foleco, sacou un pelouro, disparouno coa fonda e acertoulle na testa ó filisteo. O cantazo cravóuselle na testa e el caeu de fociños na terra. 50 David derrotou ó filisteo coa fonda e co cantazo. Feriuno e matouno sen espada. 51 Despois David foi correndo, botouse no filisteo, arrincoulle a espada da vaíña e rematouno, cortándolle con ela a cabeza. Cando viron morto o seu xefe, os filisteos saíron correndo. 52 Entón os soldados de Israel e de Xudá, dando o berro de combate, emprenderon a persecución dos filisteos ata a entrada de Gat e ata as portas de Ecrón. Moitos filisteos caeron mortos nese treito, no camiño de Xaraim. 53 Os israelitas deixaron de perseguir os filisteos e volveron para saquear o seu campamento. 54 David colleu entón a cabeza do filisteo e levouna a Xerusalén. As armas gardounas na súa tenda. 55 Cando vira Xaúl que David saíra ó encontro do filisteo, preguntáralle a Abner, xeneral do seu exército: —"Abner, de quen é fillo ese rapaz?" E Abner respondéralle: —"Pola túa vida, meu rei, que non o sei". 56 E o rei díxolle: —"Pregunta de quen é fillo". 57 Cando David viña de volta de matar o filisteo, Abner colleuno e presentoullo a Xaúl, coa cabeza do filisteo na súa man. 58 Xaúl preguntoulle: —"De quen es fillo, rapaz?" E David respondeulle: —"Do teu servo Ixaí de Belén". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)