Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Samuel 16 - Biblia SEPT


XAÚL E DAVID (1 Sam 16 — 2 Sam 1) Samuel unxe a David

1 O Señor faloulle a Samuel: —"Ata cando estarás aflixido por Xaúl, sendo que eu o rexeitei como rei de Israel? Enche o corno de óleo e vaite, de parte miña, onda Ixaí, o de Belén, pois escollín un rei entre os seus fillos".

2 Samuel respondeu: —"Como farei para ir? Saberao Xaúl e matarame". O Señor díxolle: —"Leva contigo unha xovenca e di que vas ofrecer un sacrificio ó Señor.

3 Convida a Ixaí ó sacrificio e eu direiche o que has facer; unxirás a quen eu che diga".

4 Samuel fixo o que lle mandaba o Señor. O chegar a Belén, os anciáns da cidade saíronlle inquedos ó encontro e preguntáronlle: —"Vés para ben?"

5 El respondeulles: —"Para ben. Veño ofrecer un sacrificio ó Señor. Purificádevos e vide comigo ó sacrificio". Logo fixo que se purificasen Ixaí e os seus fillos e convidounos ó sacrificio.

6 Cando chegaron e viu a Eliab, pensou: —"De seguro que o Señor ten diante de si o seu unxido".

7 Pero o Señor díxolle a Samuel: —"Non te fixes no seu bo ver, nin na súa estatura. Ese está excluído, pois Deus non olla coma os homes. Os homes ven as aparencias, pero Deus ve o corazón".

8 Ixaí chamou entón a Abinadab e fíxoo pasar diante de Samuel. Pero Samuel dixo: —"Tampouco a este non o escolleu o Señor".

9 Ixaí fixo pasar logo a Xamah e Samuel dixo: —"O Señor non escolleu tampouco a este".

10 Ixaí fixo pasar a sete dos seus fillos á vista de Samuel e Samuel dixo: —"Ningún destes é o escollido do Señor".

11 Samuel preguntoulle a Ixaí: —"Xa non tes máis rapaces?" E el respondeulle: —"Queda aínda o pequeno, que está gardando as ovellas". Samuel díxolle: —"Pois manda que o traian, xa que non nos sentaremos á mesa ata que el chegue".

12 Ixaí mandou que o fosen buscar. Era loiro, de ollos fermosos e de bo parecer. O Señor dixo a Samuel: —"Ér—guete e únxeo, pois é este".

13 Samuel colleu o corno do óleo e unxiuno diante dos seus irmáns. Desde aquel intre e en adiante o espírito do Señor apoderouse de David. Despois Samuel volveu para Ramah.


David na corte de Xaúl

14 O espírito do Señor retirouse de Xaúl e un mal espírito de parte do Señor comezou a atormentalo.

15 Dixéronlle os seus servidores: —"Mira que te atormenta un mal espírito.

16 Que o noso Señor o dispoña, e nosoutros, os teus servos, buscaremos alguén que saiba tocar a arpa. Cando se meta en ti o mal espírito, tocaraa e mellorarás".

17 Xaúl respondeulles: —"Procurádeme, pois, alguén que saiba tocar e facédemo vir".

18 Niso repuxo un dos criados: —"Eu coñezo un fillo de Ixaí, o de Belén, que sabe tocar. É un rapaz valente e bo guerreiro, que fala ben e que é de bo parecer; e o Señor está con el".

19 Xaúl enviou recadeiros a Ixaí con este encargo: —"Mándame o teu fillo David, o que garda o rabaño".

20 Ixaí colleu o burro, cunha fogaza de pan, un pelexo de viño e un cabuxo, e mandoullo a Xaúl polo seu fillo David.

21 Chegado David onda Xaúl, púxose ó seu servizo. Xaúl colleulle cariño e fíxoo o seu escudeiro.

22 Xaúl mandoulle recado a Ixaí: —"Rógoche que deixes quedar comigo a David, pois cáeme ben".

23 Cando o mal espírito lle viña a Xaúl, David tocaba a arpa. Xaúl sentía melloría. O mal espírito afastábase del.

Lean sinn:



Sanasan