1 Samuel 15 - Biblia SEPTXaúl vence ós amalecitas 1 Samuel faloulle a Xaúl: —"O Señor mandoume que te unxise rei do seu pobo Israel. Xa que logo, escoita a palabra do Señor. 2 O Señor dos exércitos di isto: Voulle pedir contas a Amalec do que fixo con Israel, atacándoo, cando este subía de Exipto. 3 Vai, logo, pelexa contra Amalec, destrúe todo o que ten e non teñas dó del. Mátalle homes e mulleres, rapaces e nenos de peito, bois e ovellas, camelos e burros". 4 Xaúl reuniu o exército e revistouno en Telaim. Eran douscentos mil de infantería e dez mil homes de Xudá. 5 Xaúl acercouse ás cidades de Amalec e puxo trapelas nas congostras. 6 Mandoulles dicir ós quenitas: —"Arredádevos de onda os amalecitas, para non arrasarvos canda eles, pois vosoutros tivestes dó dos israelitas, cando estes subían de Exipto". E os quenitas arredáronse de xunto os amalecitas. 7 Xaúl venceu a Amalec, desde Havilah, segundo se vai para Xur, na fronteira, ó leste de Exipto. 8 Colleu vivo a Agag, rei de Amalec, a todo o pobo pasouno polo coitelo. 9 Xaúl e o seu exército perdoáronlles a vida a Agag e ás mellores ovellas e vacas, ó gando cebado, ós cordeiros e a todo o que era bo, e non os exterminaron. Só consagraron ó anatema o desprezable e de pouco valor. Segunda condena de Xaúl 10 Samuel recibiu, daquela, esta palabra do Señor: 11 —"Pésame ter feito rei a Xaúl, pois anda afastado de min e non cumpre as miñas ordes". Samuel entristeceuse e pasou toda a noite clamando perante o Señor. 12 Pola mañá ergueuse cedo para ir ó encontro de Xaúl. Pero entón informárono de que Xaúl marchara a Carmel, que levantara alí unha estela e que, despois, dera a volta e baixara a Guilgal. 13 Samuel presentouse onda Xaúl e este díxolle: —"Que o Señor te bendiga. 14 Cumprín o que mandara o Señor". Mais Samuel preguntoulle: —"E que son eses beos de ovella que oio e eses brúos de boi que sinto?" 15 Xaúl respondeulle: —"Trouxéronos de onda Amalec. O exército perdooulle a vida ó mellor dos rabaños e dos gandos, para ofrecer sacrificios ó Señor, o teu Deus. O resto consagrámolo ó anatema". 16 Samuel díxolle a Xaúl: —"Déixame que che anuncie o que esta noite me dixo o Señor". E el díxolle: —"Fala". 17 Samuel dixo: —"Aínda que te consideres pequeno, ti es a cabeza das tribos de Israel, pois o Señor unxiute por rei de Israel. 18 O Señor mandoute por este camiño, con esta orde: vai e consagra ó anatema ós amalecitas, pecadores; combáteos, ata acabares con eles. 19 Por que non obedeciches ó Señor? Por que retiveches os espolios, facendo o que desagrada ó Señor?" 20 Xaúl respondeulle a Samuel: —"Que non obedecín ó Señor? Eu fun polo camiño que el me sinalou; trouxen a Agag, rei de Amalec, e ós amalecitas consagreinos ó anatema. 21 Se o exército colleu dos espolios ovellas e bois, a primicia do consagrado ó anatema, foi para ofrecer sacrificios en Guilgal ó Señor, o teu Deus". 22 Samuel dixo entón: —"Quere o Señor holocaustos e sacrificios ou prefire que o obedezan? Certamente a obediencia vale máis cós sacrificios, a docilidade, máis có lardo dos carneiros. 23 A rebeldía é coma pecado de feiticeiros, a teimosía, coma delito de idolatría. Xa que ti rexeitaches a orde do Señor, o Señor rexéitate a ti coma rei". 24 Xaúl confesoulle a Samuel: —"Pequei, traspasando o mandado do Señor e tamén a túa palabra. Tiven medo do exército e consentín no que pedía. 25 Agora perdoa o meu pecado e dá a volta comigo, que quero adorar ó Señor". 26 Samuel respondeulle: —"Non quero volver contigo. Xa que ti rexeitaches a orde do Señor, o Señor rexéitate a ti, para que non reines sobre Israel". 27 Samuel deu a volta para marchar e Xaúl apreixoulle a punta do manto e esgazoullo. 28 Samuel díxolle: —"O Señor arríncache hoxe o reino de Israel para darllo a outro mellor ca ti. 29 O que é gloria de Israel non mente nin se volve atrás, pois non é un home para ter que arrepentirse". 30 Xaúl dixo: —"Pequei. Pero salva a miña honra diante dos vellos do meu pobo e diante de Israel, e volve comigo, que quero adorar o Señor, o teu Deus". 31 Samuel volveu con Xaúl e este adorou o Señor. 32 Samuel ordenou despois: —"Traédeme a Agag, rei dos amalecitas". Cuberto de cadeas, Agag acercóuselle e dixo: —"A amargura da morte está pasando agora mesmo". 33 Samuel respondeulle: —"Do xeito como a túa espada deixou mulleres sen fillos, agora queda coma elas sen fillos a túa nai". E Samuel esganouno en Guilgal na presenza do Señor. 34 Samuel volveu para Ramah e Xaúl subiu para a súa casa, en Guibah de Xaúl. 35 Samuel non volveu ver a Xaúl na súa vida. Pero estaba aflixido por el, porque lle pesara ó Señor facelo rei de Israel. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)