1 Samuel 12 - Biblia SEPTDespedida de Samuel 1 Samuel faloulle a todo Israel: —"Xa vedes que vos atendín en todo o que me pedistes. Deivos un rei que vos goberne. 2 Agora aí tedes o rei para que vos guíe. Eu vou vello, encanecido, e os meus fillos están convosco. Eu andei diante de vós desde a miña mocidade ata agora. 3 Aquí me tedes. Testemuñade contra min na presenza do Señor e na do seu unxido. A quen lle quitei un boi? A quen, un burro? A quen asoballei? A quen causei prexuízo? De quen aceptei un agasallo que me fixese pechar os ollos ante a súa conduta? Falade e devolveréivolo". 4 Responderon eles: —"Non nos asoballaches, non nos prexudicaches, non lle quitaches a ninguén cousa ningunha". 5 El engadiu: —"Poño de testemuñas hoxe contra vós ó Señor e ó seu unxido, de que non atopastes na miña man cousa ningunha". Responderon eles: —"Sexan testemuñas". 6 E Samuel dixo: —"Sexa testemuña o Señor, quen chamou a Moisés e a Aharón e que sacou ós vosos pais da terra de Exipto. 7 Agora comparecede, que quero eu pedirvos contas diante do Señor dos favores que El vos fixo, a vós e a vosos pais. 8 Cando Xacob baixou a Exipto e os exipcios vos oprimiron, os vosos pais berraron cara ó Señor, e o Señor mandou a Moisés e a Aharón, que os sacaron de Exipto, para establecelos neste lugar. 9 Eles esquecéronse logo do Señor, o seu Deus, e El vendeunos a Sísera, xeneral do exército de Hasor, e entregounos na man dos filisteos e do rei de Moab, que lles fixeron a guerra. 10 Entón berraron cara ó Señor e confesaron: Pecamos deixando ó Señor e servindo ós Baales e ás Axtartés. Agora líbranos da man dos nosos inimigos e servirémoste a ti. 11 O Señor enviou a Ierubaal, a Barac, a Iefté e a Sansón, librouvos da man dos inimigos do arredor e puidestes vivir tranquilos. 12 Mais, cando vistes que Nahax, rei dos amonitas, viña contra vós, dixéstesme: Non. Queremos ser gobernados por un rei, sendo que o voso rei é o Señor, voso Deus. 13 Agora aí tedes o rei que vós pedistes e escollestes. Nel o Señor deuvos un rei. 14 Se temedes ó Señor e o servides, se obedecedes e non sodes rebeldes, se vós e o rei que reine sobre vós seguides o Señor, voso Deus, iravos ben. 15 Pero se non obedecedes ó Señor e se sodes rebeldes, a man do Señor pesará duro sobre vós, coma sobre os vosos pais. 16 Agora dispóndevos a asistir ó gran milagre que o Señor vai facer diante de vós. 17 Non estamos no tempo da seitura? Pois vou invocar o Señor, para que mande vir tronos e choiva. Con iso darédesvos conta da gran maldade que cometestes ós ollos do Señor pedíndolle un rei". 18 Samuel invocou ó Señor e, naquel mesmo día, mandou o Señor tronos e choiva. O pobo todo, cheo de medo do Señor e de Samuel, 19 díxolle a este: —"Pídelle ó Señor, o teu Deus, para que estes teus servos non morramos, pois ós pecados que xa tiñamos, engadimos agora a maldade de pedir un rei". 20 Samuel díxolle ó pobo: —"Non temades. Cometestes esa maldade; pero agora non vos afastedes do Señor e servídeo con todo o corazón. 21 Non vos arrededes del para ir detrás de vaidades, que non son de proveito e non salvan, pois son só vaidade. 22 O Señor non rexeita ó seu pobo, por mor do seu mesmo nome. O Señor quixo que vós fósedes o seu pobo. 23 En canto a min, líbreme Deus do pecado de deixar de pregar por vós e de mostrarvos o bo camiño. 24 Temede ó Señor e servídeo de verdade e de corazón, pois ben vedes os grandes favores que vos fixo. 25 Se obrades mal, pereceredes, vós e o voso rei". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)