Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Samuel 11 - Biblia SEPT


Xaúl vence ós amonitas

1 Subiu Nahax o amonita e puxo o campamento contra Iabex de Galaad. Os de Iabex propuxéronlle a Nahax: —"Fai unha avinza connosco e seremos vasalos teus".

2 Nahax o amonita respondeulles: —"Farei un pacto convosco coa condición de arrincarvos a todos o ollo dereito, sinal de afronta para todo Israel".

3 Os vellos de Iabex dixéronlle: —"Concédenos sete días, para mandarmos mensaxeiros por todo o país de Israel. Se non houbese quen nos axude, quedarémosche sometidos".

4 Os mensaxeiros chegaron a Guibah de Xaúl e contaron o caso ós oídos do pobo. Todo o mundo rompeu a chorar.

5 Niso volvía Xaúl do agro, tras dos bois, e preguntou: —"Que lle pasa a xente que está toda chorando?" E contáronlle o caso que referiran os de Iabex.

6 En oíndoo, entrou en Xaúl o espírito de Deus e alporizouse.

7 Colleu a parella dos bois, tronzounos e mandou os anacos por todo Israel por mensaxeiros que pregoaban: —"Isto é o que se fará co gando dos que non saian á guerra, detrás de Xaúl e de Samuel". Un medo sagrado arrepiou a toda a xente, que saíu coma un só home.

8 Xaúl revistounos en Bézec: os de Israel eran trescentos mil, e trinta mil os de Xudá.

9 Entón dixéronlles ós mensaxeiros que viñeran de Iabex de Galaad: —"Anunciádelle á vosa xente: Mañá, ó quentar o sol, chegaravos a axuda". Marcharon os mensaxeiros e déronlles a nova ós de Iabex, que reloucaban.

10 Estes respondéronlles entón ós amonitas: —"Mañá entregarémonos a vós, e faredes connosco o que vos pareza".

11 O día seguinte, Xaúl dividiu o exército en tres corpos, que, á hora da garda da mañá, entraron no campamento amonita e estivérono batendo ata as horas da calor. Os que puideron fuxir, espalláronse para todos os lados, sen quedaren dous xuntos.

12 Entón a xente dicíalle a Samuel: —"Onde están os que preguntaban: Vai reinar Xaúl sobre nós? A velos, que os mataremos!"

13 Pero Xaúl respondeulles: —"Hoxe non morrerá ninguén, pois hoxe salvou o Señor a Israel".

14 Samuel díxolle ó pobo: —"Vaiamos a Guilgal, para inaugurar alí a realeza".

15 Fóronse todos a Guilgal e coroaron rei a Xaúl, alí, na presenza do Señor. Ofrecéronlle ó Señor sacrificios de comuñón, e Xaúl e os israelitas celebraron alí unha gran festa.

Lean sinn:



Sanasan