1 Samuel 10 - Biblia SEPTUnción secreta 1 Entón Samuel colleu a aceiteira, verteu aceite sobre a cabeza de Xaúl e bicouno dicindo: —"Isto quere dicir que o Señor te unxe por xefe do seu herdo. 2 Cando agora te apartes de onda min, encontraraste con dous homes, cerca da tumba de Raquel, nos lindeiros de Benxamín, en Selsah, e diranche: as burras que andabas buscando apareceron. O teu pai esqueceu xa ese asunto e agora está inquedo por vós pensando: Que será do meu fillo? 3 Máis adiante no teu camiño, chegando á aciñeira do Tabor, encontraraste con tres homes que soben para adorar a Deus en Betel, un deles con tres cabuxos, outro con tres fogazas e o terceiro cun pelexo de viño. 4 Eles saudarante e daranche dúas fogazas, que ti collerás das súas mans. 5 Despois chegarás a Guibah de Deus, onde está o posto dos filisteos. O entrares na cidade, atoparaste cunha banda de profetas que baixan do outeiro, profetizando, ó son de arpas e pandeiros, de frautas e de cítolas. 6 Niso entrará en ti o espírito do Señor, e profetizarás, xunto con eles, trocado noutro home. 7 Cando vexas cumprirse estes sinais, fai o que ben che pareza: Deus estará contigo. 8 Baixa a Guilgal antes ca min; logo baixarei eu, para ofrecer holocaustos e sacrificios de comuñón. Agarda alí sete días a que eu chegue e che diga o que has facer". 9 Despois que Xaúl se puxo de volta, afastándose de Samuel, Deus mudoulle o corazón e, naquel mesmo día, cumpríronse todos os sinais. 10 Cando entraban en Guibah, encontráronse cunha banda de profetas. Niso entrou en Xaúl o espírito de Deus e púxose a profetizar no medio deles. 11 Os que de antes o coñecían, ó velo profetizar entre os profetas, preguntábanse uns ós outros: —"Que lle pasou ó fillo de Quix? Tamén anda Xaúl entre os profetas?" 12 E un de alí replicou: —"E quen é o pai deses outros?" Diso saíu o dito: —"Conque tamén anda Xaúl entre os profetas?" 13 Cando deixou de profetizar, Xaúl marchou para a súa casa. 14 O tío de Xaúl preguntoulles a el e ó criado: —"Por onde andastes?" E eles responderon: —"Iamos á busca das burras e, ó ver que non aparecían, chegámonos onda Samuel". 15 O tío preguntoulle a Xaúl: —"Cóntame o que vos dixo Samuel". 16 Xaúl respondeulle: —"Informounos de que as burras xa apareceran". Pero non o informou do que Samuel lle dixera sobre o asunto do reino. Elección polas sortes 17 Samuel convocou ó pobo en Mispah, na presenza do Señor, 18 e faloulles ós israelitas: —"Isto di o Señor, Deus de Israel: Eu saquei a Israel de Exipto e libreivos da man dos exipcios e da de todos os reis que vos oprimían. 19 Pero agora vós rexeitades ó voso Deus, o que vos librou de males e apuros, cando dicides: Non. Dános un rei que nos goberne. Presentádevos, logo, diante do Señor por tribos e por familias". 20 Samuel fixo comparecer a todas as tribos de Israel e a sorte caeu na tribo de Benxamín. 21 Compareceron logo os clans da tribo de Benxamín e a sorte caeu no clan de Matrí. Despois caeu en Xaúl, fillo de Quix. Buscárono e non o encontraron. 22 Consultaron de novo ó Señor: —"Veu ou non ese home?" E o Señor respondeu: —"Aí está, escondido entre as equipaxes". 23 Correron a sacalo de alí e presentárono diante da xente. Pasáballes a todos eles dos ombreiros para arriba. 24 Samuel díxolle ó pobo: —"Vedes o que escolleu o Señor? Non hai outro coma el". E aclamárono todos berrando: —"Viva o rei!" 25 Samuel explicoulle ó pobo o foro do rei, escribiuno nun libro e depositouno diante do Señor. Despois despediu á xente, cada un para a súa casa. 26 Tamén Xaúl marchou para a súa casa, en Guibah, acompañado polos valentes ós que Deus lles movera o corazón. 27 Pero algúns aleivosos dicían: —"Como! Ese é o que nos vai salvar?" E desprezárono e non lle levaron o regalo. Pero Xaúl fixo o xordo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)