Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Samuel 1 - Biblia SEPT


ELÍ E SAMUEL (1-3) Un neno pedido e concedido

1 Había un home de Ramataim, un sufita da montaña de Efraím, que se chamaba Elcanah, fillo de Ieroham, fillo de Elihú, fillo de Tohu, fillo de Suf, efrateo.

2 Tiña dúas mulleres, unha chamada Ana e a outra Peninah. Peninah tivera fillos, mais Ana non tiña ningún.

3 O home adoitaba subir, ano tras ano, desde a súa cidade, para adorar o Señor dos exércitos e ofrecerlle un sacrificio en Xiloh, onde estaban de sacerdotes do Señor os dous fillos de Elí, Hofní e Pinhás.

4 Chegado o momento da oferta do sacrificio, Elcanah dáballe a Peninah as correspondentes racións, para ela e para cada un dos seus fillos e das súas fillas;

5 pero a Ana dáballe só unha ración, pois, por máis que a quería, o Señor fixéraa estéril.

6 Peninah asañábase con Ana e facíaa padecer, porque o Señor a fixera estéril.

7 E iso pasaba ano tras ano. Cada vez que subían ó santuario do Señor, Peninah asañábase con ela, e ela choraba e non comía.

8 Unha vez preguntoulle Elcanah, o seu home: —"Por que choras, Ana, e non comes? Por que estás aflixida? Seica non vallo eu para ti máis ca dez fillos?"

9 Pero Ana, despois de comeren e beberen, alí en Xiloh, ergueuse e, mentres o sacerdote Elí estaba sentado na cadeira, á entrada do santuario do Señor,

10 ela, coa alma chea de tristura, rezáballe ó Señor, chorando a todo chorar.

11 Daquela fixo este voto: —"Señor dos exércitos, se te fixas no acoramento da túa serva e lle dás un filliño, eu cedereillo ó Señor por todos os días da súa vida, e a navalla non tocará na súa cabeza".

12 Mentres ela abundaba nos seus rezos, diante do Señor, Elí observaba a súa boca.

13 Como Ana falaba para si, movendo os beizos, pero sen que se oíse a súa voz, Elí pensou que estaba bébeda.

14 E faloulle: —"Canto che vai durar a borracheira? Bota fóra ese viño".

15 Pero Ana respondeulle: —"Non é iso, señor. Eu son unha muller que está aflixida. Non bebín viño nin cervexa. Estábame desafogando diante do Señor.

16 Non tomes a túa serva por unha desvergoñada. Se falaba con xeito, era pola moita dor e polas coitas".

17 Entón díxolle Elí: —"Vaite en paz, e que o Deus de Israel che conceda o que lle pediches".

18 E ela respondeulle: —"Que a túa serva poida contar coa túa aprobación". A muller marchou e comeu, e non parecía xa a mesma.

19 Pola mañá erguéronse cedo e foron prostrarse diante do Señor. Despois puxéronse de volta e chegaron a Ramah, á súa casa. Elcanah achegouse a Ana, súa muller, e o Señor acordouse dela.

20 Ana embarazou e logo pariu un fillo, a quen lle puxo o nome de Samuel, porque llo pedira ó Señor. A volta dun ano,

21 o seu home Elcanah subiu con toda a familia ofrecer o sacrificio anual e cumprir a promesa.

22 Pero Ana non subiu, aclarándolle ó seu home: —"Deixa que destete o neno. Entón levareino, presentareillo ó Señor, e que quede alí para sempre".

23 O seu home Elcanah respondeulle: —"Fai como che pareza ben. Agarda, pois, a destetalo. E que o Señor apoie a túa promesa". Ana quedou na súa casa, criando o seu fillo, ata que o destetou.

24 Chegado ese momento, Ana subiu con el a Xiloh, ó santuario do Señor, levando consigo un becerro de tres anos, unha fanega de fariña e un pelexo de viño.

25 Sacrificado o becerro, Ana presentoulle o neno a Elí, dicindo:

26 —"Co teu permiso, señor. Pola túa vida, eu son aquela muller que estivo aquí, diante de ti, rezándolle ó Señor.

27 Pedíalle este neno e o Señor concedeume o favor que lle pedía.

28 Agora son eu quen llo cedo ó Señor para mentres viva. Será un cedido ó Señor". Despois diso adoraron o Señor.

Lean sinn:



Sanasan