Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Reis 3 - Biblia SEPT


A sabedoría de Salomón. Soño en Gabaón

1 Salomón emparentou co faraón, rei de Exipto, casando coa súa filla. Levouna á cidade de David, mentres acababa de construír o seu pazo, o templo do Señor e os muros de Xerusalén.

2 O pobo ofrecía sacrificios nos altares dos outeiros, pois daquela aínda no se construíra o templo para o nome do Señor.

3 Salomón amaba ó Señor, seguindo as normas de seu pai David. Pero ofrecía sacrificios e queimaba incenso nos altares dos outeiros.

4 O rei foise a Gabaón, para ofrecer alí sacrificios, pois aquel era o outeiro principal. Encima do seu altar ofreceu Salomón un milleiro de holocaustos.

5 En Gabaón aparecéuselle Deus, no soño da noite, a Salomón e díxolle: —"Pídeme o que queiras".

6 Salomón respondeulle: —"Ti trataches con moita bondade ó teu servo David, meu pai; e el portouse diante de ti con lealdade, con xustiza e con rectitude de corazón. Ti conservácheslle o teu favor, concedéndolle un fillo, que hoxe senta no seu trono.

7 Agora, Señor, meu Deus, que fixeches que o teu servo reinase despois de meu pai David, sendo eu un rapaz pequeno, que non sabe nin conducirse.

8 O teu servo atópase no medio deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode contar nin estimar.

9 Concédelle, pois, ó teu servo un corazón atento, que saiba gobernar ben o teu pobo e distinguir o ben e o mal. Quen, se non, podería gobernar este pobo tan grande?"

10 O Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo.

11 E díxolle: —"Xa que pediches isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a vida dos teus inimigos, senón que pediches acerto para ben gobernar,

12 vouche conceder o que pediches: unha mente sabia e intelixente, coma non a houbo antes de ti nin a haberá tampouco despois.

13 E dareiche tamén o que non pediches: riqueza e gloria, coma non as tivo rei ningún.

14 Se vas polos meus camiños e gardas os meus preceptos e os meus mandamentos, como fixo teu pai David, dareiche unha longa vida".

15 Espertou Salomón e viu que tivera un soño. Volveu para Xerusalén e presentouse diante da Arca da Alianza do Señor. Ofreceu holocaustos e sacrificios de comuñón, e convidou ó banquete a todos os seus servidores.


Sabedoría xudicial

16 Daquela viñeron dúas prostitutas e presentáronse diante do rei.

17 Unha delas contoulle isto: —"Escoita, meu señor; eu e esta muller vivimos xuntas nunha casa. E estando as dúas no mesmo cuarto eu dei a luz.

18 O terceiro día de eu parir, pariu tamén esta muller. Estabamos xuntas as dúas , e na casa non había ninguén máis, fóra de nós as dúas.

19 Unha noite morreu o fillo desta muller, porque ela se recostou enriba del.

20 No medio da noite ergueuse e colleu o meu fillo de onda min; namentres durmía a túa serva, deitouno no colo dela e deitou o morto no meu.

21 Cando me erguín, pola mañá, para dar o peito ó meu fillo, decateime que estaba morto. A luz do día mirei ben, e vin que aquel non era o fillo que eu parira".

22 Nisto dixo a outra muller: —"Non; o meu fillo é o vivo, e o teu é o morto". E a primeira insistiu: —"Non; o teu fillo é o morto; e o meu, o vivo". E rifaban diante do rei.

23 Entón falou o rei: —"Unha di: o meu fillo é o que está vivo, e o teu é o morto; e a outra di: non, o teu fillo é o morto; e o meu, o vivo".

24 E o rei mandou: —"Traédeme unha espada". E leváronlle a espada ó rei.

25 Este ordenou: —"Cortade en dous o neno vivo e dádelle unha metade a cada unha".

26 Entón á nai do neno vivo movéuselle o corazón polo seu fillo, e dixo: —"Por favor, meu señor; que lle dean a ela o neno vivo. Non o maten". Pero a outra dicía: —"Nin para min nin para ti. Que o dividan".

27 Niso dixo o rei: —"Dádelle á primeira o neno vivo. Esa é súa nai".

28 Israel todo coñeceu a sentencia de Salomón, e colléronlle moito respecto, vendo que Deus lle dera sabedoría para administrar xustiza.

Lean sinn:



Sanasan