1 Reis 2 - Biblia SEPTDerradeiros consellos e morte de David 1 Véndose cerca da morte, David fíxolle a seu fillo Salomón estas recomendacións: 2 —"Eu estou para emprender o camiño de todos. Ti tes que ser valente e portarte coma un home. 3 Garda os preceptos do Señor, o teu Deus, seguindo os seus camiños; observa os seus mandamentos e as súas leis, as súas decisións e os seus ensinos, conforme están escritos na Lei de Moisés, para que che saia ben todo o que fagas e todo o que emprendas. 4 Dese xeito cumprirá o Señor a promesa que fixo: se os teus fillos fan o que é debido, camiñando diante de min con sinceridade de corazón e de espírito, non che faltará un descendente no trono de Israel. 5 Polo demais, ti sabes ben o que me fixo Ioab, fillo de Seruiah, o que fixo cos dous xenerais de Israel, con Abner, fillo de Ner, e con Amasá, fillo de Iéter, ós que matou, botando con iso na paz sangue de guerra, lixando con sangue de guerra o cinto que o cinguía e as sandalias dos seus pés. 6 Fai con el segundo a túa sabedoría, pero non deixes que os seus cabelos brancos baixen en paz ó sepulcro. 7 Mais cos fillos de Barzilai de Galaad móstrate agradecido. Cóntaos entre os que xantan na túa mesa, pois eles fixeron comigo outro tanto, cando eu ía fuxindo de teu irmán Abxalom. 8 Velaí tes tamén a Ximí, fillo de Guerá, o benxaminita de Bahurim. O día en que eu fuxía de Mahanaim, botoume unha cruel maldición. Mais logo baixou ó Xordán ó meu encontro, e xureille polo Señor que non o mataría á espada. 9 Pero ti non o deixes sen castigo. Ti es intelixente e sabes o que has facer, para que na súa vellez baixe en sangue á sepultura". 10 David durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de David. 11 Reinara en Israel corenta anos, sete deles en Hebrón e trinta e tres en Xerusalén. 12 Salomón sucedeu a David, seu pai, no trono e consolidou o seu reino. Salomón desfaise dos seus inimigos: Adonías 13 Adonías, fillo de Haguit, presentouse a Batxeba, nai de Salomón, e ela preguntoulle: —"Vés en son de paz?" 14 El respondeulle: —"Veño". E engadiu: —"Teño que dicirche unha cousa". Ela díxolle: —"Fala". 15 Adonías dixo entón: —"Ti sabes que o reino era meu e que todo Israel esperaba que eu reinase. Pero o trono escapóuseme e foi para meu irmán, porque o Señor o dispuxo dese xeito. 16 Mais agora vouche pedir só unha cousa. Non ma negues". Batxeba díxolle: —"Fala". 17 El dixo: —"Pídelle, por favor, ó rei Salomón, e el non cho negará, que me dea por muller a Abixag de Xunam". 18 Batxeba díxolle: —"Está ben; falareille por ti ó rei". 19 Batxeba foi onda o rei Salomón, para falarlle de Adonías. O rei saíu ó seu encontro e saudouna cunha inclinación. Despois sentou no trono e mandou pór alí outro trono, para que a nai do rei sentara á súa dereita. 20 Batxeba dixo entón: —"Teño unha pequena cousa que pedirche. Non ma negues." O rei respondeulle: —"Pide, nai, que non cha negarei". 21 Ela dixo: —"Que Abixag a xunamita sexa dada por muller a teu irmán Adonías". 22 Entón o rei Salomón díxolle a súa nai: —"Por que pides para Adonías a Abixag a xunamita? Podías pedir tamén o reino para el, pois el é meu irmán, maior ca min, e ten de seu lado ó sacerdote Abiatar e a Ioab, fillo de Seruiah". 23 E o rei Salomón xurou no nome do Señor: —"Que Deus me castigue, se Adonías non paga esta palabra coa súa vida. 24 Polo Señor vivo, que me asentou ben afincado no trono do meu pai David, e que escolleu a miña familia, conforme tiña prometido; xuro que hoxe mesmo morrerá Adonías". 25 O rei Salomón encargoullo a Benaías, fillo de Iehoiadá, e este feriuno e matouno. Os partidarios de Adonías 26 O rei díxolle ó sacerdote Abiatar: —"Vaite para as túas terras de Anatot. Merecías morrer. Pero hoxe non te vou matar, porque levaches a Arca do Señor diante de meu pai David e porque compartiches as súas aflicións". 27 Dese xeito destituíu Salomón a Abiatar das súas funcións sacerdotais, cumpríndose con iso a palabra do Señor contra a familia de Elí, en Xiloh. 28 Chegoulle a nova a Ioab, que fora do partido de Adonías, mais non do de Abxalom, e foi buscar abeiro no santuario de Señor, agarrándose dos cornos do altar. 29 Dixéronlle ó rei Salomón que Ioab se refuxiara no santuario do Señor e que estaba alí ó pé do altar. Salomón mandou a Benaías, fillo de Iehoiadá, que fose alí e que o ferise. 30 Benaías foi ó santuario do Señor e, de parte do rei, mandou a Ioab que saíse. El negouse, dicindo que quería morrer alí. Benaías volveu onda o rei coa resposta de Ioab. 31 Entón o rei ordenoulle: —"Fai como el che dixo. Mátao e entérrao. Con iso afastarase de min e da miña familia o sangue inocente que el verteu. 32 O Señor botará ese sangue enriba da súa cabeza, pois matou a dous homes máis honrados e mellores ca el, ás escondidas de meu pai David: Abner, fillo de Ner, xeneral de Israel, e Amasá fillo de Iéter, xeneral de Xudá. 33 O seu sangue caerá sobre a cabeza de Ioab e de seus fillos, para sempre. E, polo contrario, a paz do Señor estará sempre con David e con seus fillos, coa súa casa e co seu trono". 34 Benaías, fillo de Iehoiadá, foi e matou a Ioab, e enterrouno na propiedade que tiña na estepa. 35 O rei puxo a Benaías, fillo de Iehoiadá, no posto de Ioab, á fronte do exército, e ó sacerdote Sadoc no posto de Abiatar. Ximí 36 Despois o rei mandou chamar a Ximí e ordenoulle: —"Fai casa en Xerusalén, habita nela e non saias de alí para lado ningún. 37 O día en que saias e cruces o torrente Cedrón, fai conta de que morrerás. Ti só serás responsable". 38 Ximí respondeulle: —"Está ben. O teu servo fará o que di o rei, meu señor". E Ximí estableceuse en Xerusalén por moito tempo. 39 A volta de tres anos, escapáronselle a Ximí dous escravos, e foron ó territorio de Aquix, fillo de Macah, rei de Gat. E dixéronlle a Ximí: —"Os teus escravos atópanse en Gat". 40 Ximí aparellou o burro e foi a Gat, en busca dos seus escravos. Chegado a Gat, tróuxoos consigo. 41 Dixéronlle a Salomón que Ximí saíra de Xerusalén para Gat e que volvera. 42 O rei mandouno chamar, para dicirlle: —"Non che fixen xurar polo Señor e non che advertín que o día en que saíses e andases dun lado para outro, certamente morrerías? Ti dixéchesme que estaba ben e que o farías. 43 Por que non cumpriches o xuramento do Señor e a orde que eu che dei?" 44 E o rei engadiu: —"Ti sabes o dano que fixeches a meu pai David. Na túa conciencia tes que recoñecelo. Que o Señor faga caer agora a túa maldade enriba da túa cabeza. 45 Pero que o rei Salomón sexa bendito e que o trono de David se vexa afincado para sempre, na presenza do Señor". 46 Entón o rei mandou a Benaías, fillo de Iehoiadá, que o matase. E el foi e feriu de morte a Ximí. E o reino quedou consolidado nas mans de Salomón. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)