Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Pedro 5 - Biblia SEPT


Preocupación pastoral e obediencia na humildade

1 Os responsables das vosas comunidades, exhórtoos eu, responsable coma eles, que fun testemuña dos padecementos de Cristo e que terei parte convosco na gloria que está para se manifestar:

2 coidade o rabaño de Deus, que está á vosa garda; mirade por el, non por pura obriga senón, como Deus quere, de boa gana; nin por baixos intereses de lucro senón porque vos agrada;

3 nin dándovolas de señores dos que se vos encomendaron senón facéndovos exemplo para o rabaño.

4 Así, cando apareza o supremo Pastor, recibiredes a coroa da gloria, que nunca murcha.

5 Tamén os mozos habedes ser ben guiados cos responsables. No trato cos demais revestídevos todos vós dun pensar humilde, porque Deus oponse ós soberbios, pero concédelles a graza ós humildes.

6 Por iso vós facédevos humildes, para estardes baixo a man poderosa de Deus, de xeito que El vos levante no intre oportuno.

7 Botade sobre Deus todas as vosas ansias, que El coida de vós.


Estar en liña, para vencer o demo e servir a Deus

8 Pero comede e bebede con regra. Alerta! Que o voso inimigo, o demo, bruando coma un león, anda ó arredor á procura de quen engulir.

9 Resistídelle firmes na fe, sabendo que os mesmos sufrimentos lles están reservados ós vosos irmáns en todo o mundo.

10 Pois Deus, de quen vén toda a graza e que vos chamou por medio de Cristo á súa gloria eterna, despois dun pouco de sufrimento, El mesmo vos porá en forma, vos volverá firmes, fortes e vos dará estabilidade.

11 El ten poder polos séculos dos séculos. Amén.


Despedida

12 Do puño de Silván, irmán fiel así o considero, escribinvos esta pequena carta, para vos exhortar e asegurar que esta é a verdadeira graza de Deus. Afincádevos ben nela.

13 A comunidade escollida coma vós, que vive en Babilonia, mándavos saúdos e tamén o meu fillo Marcos.

14 Saudádevos uns ós outros cun bico de irmáns. Paz a todos vós, os cristiáns.

Lean sinn:



Sanasan