Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Pedro 4 - Biblia SEPT


O que sofre na carne rompe co pecado

1 Pois, xa que Cristo padeceu na súa carne, armádevos tamén vós da mesma idea: que quen sofre na carne rompe co pecado;

2 de xeito que vivades o resto da vosa vida corporal para cumprirdes a vontade de Deus e xa non para satisfacer as paixóns humanas.

3 Pois o tempo pasado foi máis que de abondo para vivirdes vós en plan pagán, afeitos como estabades á luxuria e ós vicios, ás orxías, esmorgas, borracheiras e infames idolatrías.

4 E así estráñanse ó ver que non corredes con eles, coma de costume, a estragar cartos e á inmoralidade, e insúltanvos.

5 Xa darán contas a Aquel que está preparado para xulgar vivos e mortos;

6 pois para isto se lles predicou o Evanxeo mesmo ós mortos: para que, en recibindo na súa carne mortal a sentencia común a todos os homes, poidan vivir no espírito coa vida de Deus.


Para o que falta, paga a pena sacrificarse polos outros

7 E, por outra banda, a fin de todo está cerca; polo tanto, tede control e regra con vós mesmos para poderdes rezar.

8 Antes que nada, esforzádevos no amor duns ós outros, porque o amor tapa moitos pecados.

9 Dádevos pousada uns ós outros sen murmurar.

10 Cada un esfórcese en servir os outros cos seus dons, os que de Deus recibiu, como corresponde a bos administradores dos diferentes dons de Deus.

11 Quen fala, que sexa voceiro de Deus; quen sirva, que o faga coa forza que Deus lle dá, para que en todo Deus reciba gloria por medio de Xesús Cristo. A El pertencen a gloria e o poder polos séculos dos séculos. Amén.


SEGUNDA PARTE Loar a Deus polas persecucións

12 Meus amigos, saíde do medo que vos deu o incendio que xurdiu entre vós, para vos poñer a proba, coma se vos viñese enriba algo estraño.

13 Máis ben alegrádevos, conforme ides tendo parte nos sufrimentos de Cristo, para que deste xeito cando se manifeste a súa gloria poidades tamén alegrarvos xubilosos.

14 Se se burlan de vós por serdes cristiáns, felicitádevos, porque o Espírito da gloria, isto é, o Espírito de Deus, permanece sobre vós.

15 Que ninguén de vós siga sufrindo por ser asasino ou ladrón ou mala persoa ou un entremetido;

16 pero, se sofre por ser cristián, que non teña vergonza, máis ben que loe a Deus polo título que ten.

17 Isto quere dicir que chegou o tempo do xuízo, comezando pola casa de Deus. Ora, se os seus principios en nós son así, cal será a fin dos que se rebelan contra o Evanxeo de Deus?

18 Se caro lle custa ó xusto salvarse, que non será do impío e pecador!

19 En conclusión: os que sofren conforme á vontade de Deus, facendo sempre o ben, encoméndense ó Creador que é fiel.

Lean sinn:



Sanasan