1 Pedro 3 - Biblia SEPTConsellos ás mulleres 1 No tocante ás mulleres, que se sometan ós seus homes; deste xeito, se algúns non cren na Palabra, sen necesidade de palabra ningunha poderanos gañar 2 polo bo xeito de vida por respecto ó Señor. 3 Que os vosos adornos non sexan os exteriores dunha trenza no pelo nin rodearvos de xoias de ouro ou vestirvos con variedade de vestidos; 4 senón que sexa a personalidade escondida dentro, no corazón, co adorno indeformable dun espírito agarimoso e sereno; isto si que é algo precioso ós ollos de Deus. 5 Así tamén se adornaban noutro tempo as santas mulleres que esperaban en Deus, someténdose ós seus homes. 6 Así obedeceu Sara a Abraham, chamándolle "o meu dono". Vós, se facedes o ben e non vos atemorizades por ningunha alarma, é porque xa vos fixestes fillas de Sara. Consellos ós homes 7 No tocante ós homes, convivide coas vosas mulleres con comprensión, mostrándolles o debido respecto, tal como se lle debe a un ser máis feble e coma a herdeiras convosco do don gratuíto da Vida; así seredes capaces de rezar sen estorbos. Levarse ben 8 En fin, andade todos de acordo e cos mesmos sentimentos, querédevos coma irmáns, tede un corazón compasivo e un xeito humilde; 9 non vos volvades mal por mal, nin insulto por insulto; ó contrario, devolvede bendicións, porque para isto vos chamaron: para serdes herdeiros dunha bendición. 10 Porque se un ama a vida e quere ver días felices, conteña a súa lingua do mal, e os seus beizos de falar falsidades; 11 escape do mal e faga o ben, procure a paz e esfórcese por pillala. 12 Pois a mirada do Señor fólgase nos xustos, e os seus oídos atenden os seus rogos; pero a cara do Señor anóxase contra os que fan o mal. É bo sufrir, sendo honrados 13 Ademais, quen sería capaz de vos facer mal, se vós estivésedes afincados no ben? 14 Pero, aínda supoñendo que tivésedes que sufrir por serdes xustos, benaventurados vós: non lles teñades medo nin vos asustedes. 15 O contrario para os vosos adentros adorade a Cristo coma Señor, estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro. 16 Pero respondede con bo xeito e con respecto; tede a conciencia limpa, de xeito que os que desprezan o voso bo comportamento cristián, se vexan confundidos naquilo mesmo de que vos calumnien. 17 Pois sempre sería mellor sufrir, se tal fose a vontade de Deus, por facerdes o ben, que por facerdes o mal. O exemplo de Cristo e a salvación polo bautismo 18 Tamén Cristo morreu unha vez polos vosos pecados, o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus; sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito. 19 Foi daquela cando lles foi proclamar a salvación mesmo ós espíritos encadeados, 20 que foran rebeldes, cando, nos tempos de Noé, Deus, cheo de paciencia, estábaos agardando, mentres se construía a arca; dentro dela, uns poucos, en total oito persoas, salváronse pola auga; 21 esta auga simbolizaba o bautismo que vos salva a vós, non por ser unha limpeza do corpo lixoso, senón por ser o compromiso con Deus dunha conciencia honrada, pola mediación de Xesús Cristo resucitado, 22 que subiu ó ceo e está á dereita de Deus, despois que se lle someteron os anxos, os poderes e as forzas. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)