Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Pedro 1 - Biblia SEPT


Saúdo

1 Pedro, apóstolo de Xesús Cristo, ós emigrantes espallados polas provincias do Ponto, Galacia, Capadocia, Asia e Bitinia,

2 ós que xa Deus Pai tiña escollidos e a quen santificou co Espírito para obedeceren a Xesús Cristo e para asperxelos co seu sangue. Para vós graza e paz con toda abundancia!


PRIMEIRA PARTE: ESIXENCIAS DO BAUTISMO Loanza a Deus por renacer cristiáns

3 Loado sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo! Que pola súa grande compaixón, resucitou a Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida que se nos dá en esperanza,

4 A unha herdanza que non se corrompe nin se afea nin murcha, predestinada por Deus para vós;

5 grazas á fe que vós tedes, estades protexidos polo poder de Deus en vistas á salvación que está para se manifestar, no intre final.

6 Por iso brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir por un pouco tempo diferentes probas.

7 Deste xeito, o xenuíno da vosa fe ten máis valía do que o ouro que, a pesar de ser pasadío, se aquilata no lume e considérase merecente de loanza, gloria e honra cando se revele Xesús Cristo.

8 A quen amades sen o terdes visto; en quen credes, aínda sen o ver; e brincades, cheos dunha alegría indicible e gloriosa,

9 porque conseguistes o froito da vosa fe, a vosa salvación persoal.

10 Sobre esta salvación meditaron e pescudaron algúns profetas, que profetizaron acerca da graza que se vos concedeu.

11 Pescudaron eles a data e as circunstancias ás que o Espírito de Cristo, presente neles, se quería referir, cando lles predicía os sufrimentos reservados a Cristo e as glorias que virían despois.

12 Revelóuselles que non eran ministros destes misterios proféticos para proveito deles senón para o voso; misterios proféticos, que nesta era vos anunciaron os que vos evanxelizaron movidos polo Espírito Santo mandado desde o ceo; cousa esta que os mesmos anxos desexan achegarse a ollar.


Ser santos, a imitación de Deus

13 Por iso, preparados espiritualmente para a vosa peregrinación e vivindo con sobriedade, poñede toda a vosa esperanza na graza que se vos concederá cando sexa a revelación de Xesús Cristo.

14 Coma fillos obedientes, non vos axeitedes ós desexos de antes, cando viviades na ignorancia,

15 senón que, do mesmo xeito que o que vos chamou é santo, así tamén sede vós santos en calquera circunstancia,

16 porque a Escritura di: Seredes santos, porque eu son santo.

17 E aínda que lle podedes chamar Pai ó que xulga con imparcialidade as obras de cada un, comportádevos con respecto durante o tempo do voso peregrinar.

18 Porque xa vedes que non vos rescataron dese tipo idolátrico de vida, que recibistes dos vosos pais, con algo perecedoiro, tal coma ouro ou prata;

19 senón que vos rescataron co precioso sangue de Cristo, Año sen defecto nin tacha.

20 El xa estaba escollido de antes da creación do mundo pero presentouse nos derradeiros tempos para o voso ben.

21 Por medio del tedes fe en Deus que o resucitou da morte e o glorificou e dese xeito a vosa fe e a vosa esperanza están postas en Deus.


O amor, esixencia do anuncio cristián

22 Xa que a purificación do voso interior coa aceptación da Verdade, vos levou a querervos sinceramente coma irmáns, querédevos ben uns ós outros, de corazón e con constancia.

23 Porque volvestes nacer, non dunha semente perecedoira, senón dunha imperecedoira: volvestes nacer por medio da Palabra vivificadora e permanente de Deus.

24 Porque todo mortal é coma unha herba, e toda a súa beleza coma a flor dunha herba: secou a herba e caeu a flor.

25 En troques, a palabra do Señor permanece para sempre. Ora, esa é a palabra con que vos evanxelizaron.

Lean sinn:



Sanasan