1 Crónicas 16 - Biblia SEPTA arca é posta na Tenda 1 Traída a arca de Deus, puxérona no medio da tenda que David levantara para ela, e ofreceron holocaustos e sacrificios de comuñón ante Deus. 2 Cando David acabou cos holocaustos e sacrificios de comuñón bendiciu ó pobo no nome de Iavé, 3 e distribuíu a todo Israel, homes e mulleres, un molete de pan, unha tallada de carne e unha bica de uvas pasas. 4 Puxo levitas ó servizo da arca de Iavé para invocar, loar e enxalzar a Iavé, Deus de Israel: 5 Asaf, o xefe, Zacarías, o segundo; logo Uziel, Xemiramot, Iehiel, Matitías, Eliab, Benaías, Obededom e Ieiel, con harpas e cítolas. Asaf facía soar os pratos. 6 Os sacerdotes Benaías e Iahziel tocaban continuamente as trompetas perante a arca da alianza de Iavé. 7 Aquel día, David, encargou por primeira vez a Asaf e a seus irmáns, para cantar as loanzas de Iavé, este canto: 8 —"Loade a Iavé, invocade o seu nome! Pregoade ós pobos as súas fazañas! 9 Cantádelle, cantade salmos na súa honra! Dade a coñecer todos os seus portentos! 10 Gloriádevos no seu santo nome! Alégrese o corazón dos que procuran a Iavé! 11 Acudide a Iavé e á súa forza, buscade sempre o seu rostro! 12 Lembrádevos das marabillas que fixo, dos seus prodixios, dos xuízos da súa boca! 13 Descendentes de Israel, o seu servo, fillos de Xacob, o seu elixido! 14 Iavé é o noso Deus, El goberna a terra toda. 15 Lémbrase sempre da súa alianza, das promesas por mil xeracións; 16 da alianza que fixo con Abraham, do xuramento feito a Isaac, 17 do que fielmente estableceu con Xacob, e con Israel como pacto eterno, 18 dicindo: dareiche a terra de Canaán que será porción da vosa herdade. 19 Daquela eran pouco numerosos, pouco numerosos e estranxeiros no país. 20 Cando ían vagabundos de nación en nación, de reino en reino, 21 non consentiu que ninguén os asoballase, e por causa deles castigou ós reis: 22 Non toquedes os meus unxidos, non fagades mal ós meus profetas. 23 Cantade a Iavé, homes de toda a terra, pregoade, un día e outro, a súa salvación! 24 Pregoade a súa gloria entre as xentes, os seus prodixios a todos os pobos! 25 Porque Iavé é grande, digno de toda loanza, temible sobre todos os deuses. 26 Porque os deuses dos pobos son ídolos, pero Iavé é o facedor dos ceos. 27 Maxestade e magnificencia sexan perante El, fortaleza e beleza na súa morada. 28 Familias dos pobos, aclamade a Iavé, dade a Iavé honra e gloria! 29 Dade gloria ó nome de Iavé! Traede ofrendas, vinde visitalo, adorádeo no adro sagrado! 30 Trema a terra na súa presenza. El afianzou o orbe, e non se moverá. 31 Alédese o ceo e exulte a terra, pregóese entre as xentes: "Iavé reina!". 32 Brúe o mar e canto o enche, salte de xúbilo o agro e canto hai nel. 33 Salten as árbores das selvas diante de Iavé, pois vén rexer a terra. 34 Dade grazas a Iavé porque é bo, porque é eterna a súa misericordia. 35 Dicide: sálvanos, oh Deus!, saúde nosa, xúntanos e líbranos das xentes, para que confesemos o teu nome e poñamos a nosa gloria en loarte 36 Bendito sexa Iavé, Deus de Israel, por toda a eternidade!". E todo o pobo respondeu: —"Amén! Aleluia!" 37 David deixou alí, diante da arca da alianza de Iavé, a Asaf e os irmáns, para que constantemente servisen diante da arca cada cousa ó seu tempo. 38 A Obededom fillo de Ieditún e os seus irmáns, en número de sesenta e oito, nomeounos porteiros. 39 Asimesmo a Sadoc e ós seus irmáns, sacerdotes, encargounos do santuario de Iavé que está na altura de Gabaón, 40 para que alí ofrecesen a Iavé continuamente, mañá e tarde, holocaustos, e cumprisen todo canto está escrito na Lei dada por Iavé a Israel. 41 Con eles estaban Hemán e Ieditún e os restantes escollidos e nominalmente asignados para louvar a Iavé: —"Porque é eterna a súa misericordia". 42 Hemán e Ieditún facían soar trompetas, pratos e outros instrumentos músicos, cos que acompañaban os cantos en honra de Deus. Os fillos de Ieditún eran porteiros. 43 Todo o pobo foise logo, cada un á súa casa, e David volveuse a bendicir a súa. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)