Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Crónicas 12 - Biblia SEPT


Guerreiros que se uniron a David xa en tempos de Xaúl

1 Estes son os que viñeron a unirse a David en Siquelag, cando estaba lonxe de Xaúl fillo de Quix. Eran algúns dos soldados que lle prestaron axuda durante a guerra.

2 Eran arqueiros e tiraban pedras o mesmo coa man dereita que coa esquerda e tiraban frechas co arco. Eran todos de Benxamín, do clan dos irmáns de Xaúl.

3 Os xefes eran Ahiézer e Ioax, fillos de Xemaah, de Guibah; Ieziel e Pélet, fillos de Azmávet; Beracah e Iehú, de Anatot;

4 Ixmaías, de Gabaón, soldado entre os trinta e xefe dos trinta;

5 Xeremías, Iahziel, Iohanán, Iozabad, de Guederah;

6 Eluzai; Ierimot, Balías, Xemarías, e Xefatías, de Harif;

7 Elcanah, Isaías, Azarel, Ioézer e Iaxobam, descendentes de Coré;

8 Ioelah e Zebadías, fillos de Ieroham, de Guedor.

9 Tamén de entre os gaditas foron unirse a David, no refuxio do deserto, soldados entendidos na guerra, armados de escudo e lanza, semellantes a leóns e lixeiros coma cabras do monte.

10 Ézer era o xefe; Abdías, o segundo; Eliab, o terceiro;

11 Mixmanah, o cuarto; Xeremías, o quinto;

12 Ataí, o sexto; Eliel, o sétimo;

13 Iohanán o oitavo; Elzabad, o noveno;

14 Xeremías, o décimo; Macbanai, o undécimo.

15 Eran fillos de Gad, xefes do exército. Un só, o menor de todos, valía por cen; o máis vello, por mil.

16 Estes foron os que pasaron o Xordán no primeiro mes, cando desbordaba por todas as súas beiras, e puxeron en fuga a todos os habitantes dos vales, a oriente e occidente.

17 Houbo tamén entre os fillos de Benxamín e de Xudá quen se uniu a David no refuxio.

18 David saíulles ó encontro e díxolles: —"Se vindes a min con boas intencións, para axudarme, o meu corazón farase a vós, pero se é para enganarme en proveito dos meus inimigos, estando as miñas mans limpas de iniquidade, véxao o Deus de nosos pais, e que el xulgue".

19 Entón revestiuse do espírito Amasai, que era o xefe dos trinta, e exclamou: —"Paz a ti e ó pobo, fillo de Ixaí. Paz a ti e a cantos te axudan, pois o teu Deus está da túa parte". David recibiunos e fíxoos xefes das tropas.

20 Tamén dos fillos de Menaxés, viñeron algúns xuntarse con David cando foi cos filisteos á batalla contra Xaúl, aínda que non combateu, porque os príncipes dos filisteos, celebrando o consello, despedírono dicindo: —"Pasaríase a Xaúl, con perigo das nosas cabezas".

21 Cando marchou de Siquelag, estes foron os que se lle uniron de Menaxés: Adnah, Iozabad, Iediel, Micael, Iozabad, Elihú e Siltai, xefes de millares de Menaxés.

22 Axudaron a David contra as bandas de ladróns, pois eran todos homes valerosos e viñeron ser xefes do exército.

23 Día a día chegaban xentes a unirse a David, ata que deu en ter un gran exército, coma un exército de Deus.


Guerreiros que viñeron a Hebrón para facer rei a David

24 Velaquí o número de homes de guerra que armados viñeron a David, a Hebrón, para transferirlle o reino de Xaúl, segundo o mandato de Iavé:

25 Dos fillos de Xudá armados de escudo e lanza, seis mil oitocentos homes de guerra.

26 Dos fillos de Simeón, homes valorosos para a guerra, sete mil cen.

27 Dos fillos de Leví, catro mil seiscentos;

28 e Iehoiadá, príncipe de Aharón, e con el tres mil setecentos;

29 e Sadoc, mozo e valoroso, con vinte e dous dos príncipes da casa de seu pai.

30 Dos fillos de Benxamín, e irmáns de Xaúl, tres mil, pois ata entón a maior parte deles permaneceran fieis á casa de Xaúl.

31 Dos fillos de Efraím, vinte mil oitocentos homes con sona de valentes, segundo as casas de seus pais.

32 Da media tribo de Menaxés, dezaoito mil, designados nominalmente para iren proclamar rei a David.

33 Dos fillos de Isacar, expertos en coñecer o que se tiña que facer en Israel, douscentos de entre os seus xefes, con todos os seus irmáns baixo as súas ordes.

34 De Zebulón, cincuenta mil, en idade de tomar as armas, provistos de armas de todo xeito para o combate, dispostos a facer batalla con ánimo resolto.

35 De Naftalí, mil xefes, e con eles trinta e sete mil soldados, que levaban escudo e lanza.

36 De Dan, armados para a guerra, vinte e oito mil seiscentos.

37 De Axer, homes de guerra prontos para o combate, corenta mil.

38 E da outra beira do Xordán, dos rubenitas, dos gaditas e da media tribo de Menaxés, cento vinte mil con armas de todas as clases.

39 Todos estes homes, xente de guerra, dispostos para o combate, chegaron a Hebrón con leal corazón para faceren a David rei de todo Israel, e todo o resto de Israel estaba igualmente de acordo en querer a David por rei.

40 Estiveron alí tres días con David, comendo e bebendo, pois os seus irmáns subministráronlles as provisións,

41 e aínda os de Isacar, Zebulón e Naftalí, traían fariña, figos secos, viño e aceite en burros, camelos e bois, tamén vacas e ovellas de abondo.

Lean sinn:



Sanasan