Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Crónicas 11 - Biblia SEPT


David Rei

1 Todo Israel congregouse arredor de David en Hebrón, dicindo: —"Mira: ti es óso dos nosos ósos e carne da nosa carne.

2 Xa antes, aínda reinando Xaúl, eras ti o definitivo xefe de Israel. Iavé, o teu Deus, díxoche: Ti apacentarás o meu pobo de Israel e ti serás o xefe do meu pobo Israel".

3 Así todos os anciáns de Israel viñeron ó rei, a Hebrón, e David fixo con eles alianza en Hebrón, diante de Iavé. Unxiron a David por rei de Israel, segundo a palabra de Iavé pronunciada por Samuel.


Conquista de Xerusalén

4 Marchou David con todo Israel contra Xerusalén que se chamaba Iebús. Habitaban alí os iebuseos.

5 Os habitantes de Iebús dixeron a David: —"Ti non entrarás aquí". Pero David apoderouse da fortaleza, de Sión, que é a cidade de David.

6 David dixera: —"Quen primeiro mate a un iebuseo será xefe e príncipe". Ioab, fillo de Seruiah, foi o primeiro en subir, e foi feito xefe.

7 David estableceuse na fortaleza, que por isto se chamou a cidade de David.

8 Edificou a cidade no seu arredor, desde o Miló, mentres Ioab reconstruíu o resto da cidade.

9 David veu ser cada día máis grande e Iavé Sebaot estaba con el.

10 Velaquí os primeiros dos valentes que seguiron a David e o axudaron con todo Israel a asegurar o seu dominio e facer o rei de Israel segundo a palabra de Iavé.

11 Velaquí os nomes dos valentes que seguiron a David: Iaxobam, fillo de Hacmoní, primeiro da terna, que brandiu a súa lanza contra trescentos homes que derrotou dunha vez.

12 Despois del, Elazar, fillo de Dodó, ahohita, outro dos tres.

13 Estaba este con David en Pas—Damim, onde os filisteos se reuniran para a loita; había alí unha leira de cebada, e, fuxindo o pobo xa ante os filisteos,

14 púxose no medio da leira e defendeuna e derrotou ós filisteos. Iavé outorgou así unha gran vitoria.

15 Tres dos trinta baixaron onde estaba David á rocha da caverna de Adulam, cando estaban acampados os filisteos no val de Refaím.

16 David estaba no refuxio, e os filisteos tiñan unha gornición en Belén.

17 Deu David en dicir: —"Quen puidese beber auga do depósito que está ás portas de Belén!".

18 E entón os tres atravesaron o campamento dos filisteos, colleron auga do depósito que está ás portas de Belén, e, levándoa, presentáronlla a David. Pero David negouse a bebela e derramouna en libación ante Iavé,

19 dicindo: —"Líbreme Deus de facer tal cousa! Sería como beber o sangue destes homes que con risco da súa vida foron alá" (porque era certamente con risco das súas vidas como a trouxeran). E non quixo bebela. Isto fixeron os tres valentes.

20 Abixaí, irmán de Ioab, era xefe dos trinta. Brandiu a súa lanza contra trescentos, que matou, e tivo sona entre os trinta,

21 e era o máis considerado entre eles, chegando a ser xefe deles, pero non chegou a igualar ós tres.

22 Despois viña Benaías, fillo de Iehoiadá, home de moito valor e coñecido polas súas fazañas. Era oriúndo de Cabsel. Matou a dous valentes de Moab, e un día de neve baixando a unha cisterna, matou un león.

23 Matou tamén a un exipcio que tiña cinco cóbados de alto e unha lanza coma unha agulla de tecedeira. Baixou contra el cun pau e arrincoulle a lanza da man, matándoo con ela.

24 Isto fixo Benaías, fillo de Iehoiadá, que tivo gran sona entre os trinta.

25 Foi moi considerado entre eles, pero non chegaba ós tres primeiros. David púxoo á fronte da súa garda.

26 Os valentes do exército eran: Asael, irmán de Ioab, Elhanán, fillo de Dodó, de Belén;

27 Xamot, o arorita, e Heles, o pelonita;

28 Irá, fillo de Iquex, o tecoíta; Abiézer, de Anatot;

29 Sibcai, de Huxah, Ilai, ahohita;

30 Mahrai, de Netofah; Héled, fillo de Banah, de Netofah.

31 Itai, fillo de Ribai, de Guibah, dos fillos de Benxamín; Benaías, de Piratón;

32 Hurai, dos vales de Gáax; Abiel, da Arabah;

33 Azmávet, de Bahurim; Eliahbá, Xalbonita;

34 Iaxén, gunita; Ionatán, fillo de Xagueh, de Harar;

35 Ahiam, fillo de Sacar, de Harar; Elifal, fillo de Ur;

36 Héfer, de Mequerah; Ahías, de Pelón;

37 Hesró, do Carmel; Narai fillo de Ezbai

38 Ioel irmán de Natán; Mibhar, fillo de Hagri;

39 Sélec, amonita; Nahrai de Berot, escudeiro de Ioab, fillo de Seruiah;

40 Irá, de Iatir; Gareb, de Iatir;

41 Urías, o hitita; Zabad, fillo de Ahlai;

42 Adiná, fillo de Xizá, rubenita, xefe dos rubenitas, e con el trinta máis;

43 Hanán, fillo de Macah; Ioxafat, o mitnita;

44 Uzías, de Axtarot; Xamá e Ieuel fillos de Hotam, de Aroer;

45 Iediel, fillo de Ximrí; Iohá, seu irmán, tisita;

46 Eliel, mahavita; Ieribai e Ioxavías, fillos de Elnáham; Itmah, moabita;

47 Eliel, Obed e Iasiel, de Sobah.

Lean sinn:



Sanasan