Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Corintios 9 - Biblia SEPT


O exemplo de Paulo

1 Non son eu libre? Non son apóstolo? Logo non vin a Xesús, o noso Señor? Non sodes vós a miña obra no Señor?

2 Se para outros non son eu apóstolo, para vós si que o son; pois vós sodes, no Señor, o selo do meu apostolado.

3 Esta é a miña defensa contra os que me demandan:

4 Acaso non temos dereito a comer e beber?

5 Non temos dereito a levar connosco unha muller irmá, o mesmo cós demais apóstolos e os irmáns do Señor e Pedro?

6 Ou é que soamente eu e mais Bernabé carecemos do dereito de non traballar?

7 Quen foi algún día á guerra gastando do seu? Quen planta unha viña e non come o seu froito? Quen coida un rabaño e non se alimenta do seu leite?

8 Ou estou falando con criterios humanos? Non di tamén a Lei iso mesmo?

9 Pois é precisamente na Lei de Moisés onde está escrito: Non lle poñas o bozo ó boi que malla. Impórtanlle acaso os bois a Deus?

10 Ou non está ben claro que o di por nós? Sen dúbida está escrito por nós, pois quen labra precisa labrar con esperanza e tamén o que malla: coa esperanza de levar a súa parte.

11 Se nós sementamos en vós os bens espirituais, é moito que fagamos colleita nos vosos bens materiais?

12 Se outros teñen tal dereito sobre vós, non temos nós máis? Pero nós nunca nos aproveitamos dese dereito. O contrario, aturamos todo para non lle poñer ningún tropezo ó Evanxeo de Cristo.

13 Non sabedes que os que celebran o culto viven do templo, e que os que serven no altar teñen parte nel?

14 Do mesmo xeito, o Señor prescribiulles ós que anuncian o Evanxeo que vivan do Evanxeo.

15 Pero eu non me aproveitei de nada diso. Nin escribo estas cousas para aproveitarme agora: mellor morrer que... Non, a miña gloria ninguén ma tirará.

16 Porque o mero feito de predicar o Evanxeo non é para min gloria ningunha: é unha necesidade que teño enriba de min. Pobre de min se non predico o Evanxeo!

17 Pois así: se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar.

18 Onde está, logo, o meu premio? En que, cando predico o Evanxeo, fágoo gratuitamente, renunciando ós dereitos que este Evanxeo me confire.

19 Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para gañar os máis posibles.

20 Fíxenme xudeu cos xudeus, para gañar os xudeus; suxeito a Lei cos que están baixo a Lei eu que non o estou, para gañar os que están baixo a Lei.

21 Cos que están sen a lei, fíxenme coma sen lei non estando eu sen a Lei de Deus, tendo como teño a Lei de Cristo para gañar os sen lei.

22 Cos débiles fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns a toda costa.

23 Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte nel.

24 Non sabedes que os corredores no estadio, corren todos, pero soamente un leva o premio? Correde, logo, de maneira que levedes premio.

25 Todos os que compiten impóñense unha disciplina total; iso que eles é para conseguiren unha coroa perecedoira; nós en cambio, unha imperecedoira.

26 Eu, pola miña parte, corro, pero non ó que saia; loito, pero non dando golpes ó aire.

27 O contrario, castigo duramente o meu corpo e trátoo coma un escravo: non vaia suceder que despois de lles predicar ós outros, quede eu descualificado.

Lean sinn:



Sanasan