1 Corintios 8 - Biblia SEPTAS CARNES SACRIFICADAS ÓS ÍDOLOS Os principios teóricos 1 No que toca ás carnes inmoladas ós ídolos, é ben sabido que todos temos coñecemento. Pero o coñecemento incha, mentres que a caridade é construtiva. 2 Se alguén cre que xa coñece algo, aínda non coñece como hai que coñecer. 3 En troques, se alguén ama a Deus, Deus coñéceo a el. 4 Así que verbo de comer as carnes sacrificadas ós ídolos, sabemos que ningún ídolo existe de verdade no mundo, nin deus ningún fóra do Único. 5 Porque, aínda que haxa moitos deuses de nome, tanto no ceo coma na terra e hai efectivamente moitos deuses e moitos señores, 6 para nós non hai máis ca un só Deus, o Pai, de quen todo procede e para quen nós estamos feitos; nin hai máis ca un só Señor, Xesús Cristo, por quen todo existe e por quen existimos nós mesmos. O punto de vista da caridade 7 Pero non todos teñen este coñecemento. Algúns, por estaren afeitos ata agora á mentalidade idolátrica, comen esa carne coma se fose sagrada; entón, a súa conciencia, por non estar segura, quédalles lixada. 8 Desde logo, non é a comida o que nos achega a Deus: non imos ser menos por non comer, nin por comer imos ser máis. 9 Pero tede coidado de que esa liberdade vosa non sexa tropezo para os débiles. 10 Porque, se alguén te ve a ti, que tes coñecemento, sentado á mesa nun templo idolátrico, non é certo que, a quen non está aínda seguro, o vai tentar a conciencia a comer o sacrificado ós ídolos? 11 Así, polo teu coñecemento pérdese o débil, ese irmán por quen morreu Cristo. 12 Dese xeito, pecando contra os irmáns e ferindo a súa débil conciencia, pecades contra Cristo. 13 Por iso, se unha comida escandaliza a un irmán meu, endexamais non probarei a carne, para non escandalizar a meu irmán. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)