Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Corintios 6 - Biblia SEPT


Preitos dos cristiáns nos tribunais pagáns

1 Cando algún de vós ten un preito con outro, como é que se atreve a ilo demandar diante dos pagáns e non dos cristiáns?

2 Ou é que non sabedes que os cristiáns xulgarán o mundo? E, se vós ides xulgar o mundo, seredes incompetentes para xulgar unhas cousas de nada?

3 Non sabedes que xulgaremos os anxos? Canto máis as cousas desta vida!

4 Pois logo, como é posible que, cando tedes preitos por cousas desta vida, vaiades poñer de xuíces a aqueles que a Igrexa desbota?

5 Seica non tedes vergonza? Ou é que non hai entre vós ningún home bo que poida facer unha avinza entre irmáns?

6 Pero, non, van ó preito irmán contra irmán e iso diante dos non crentes.

7 Desde logo, xa bastante baixeza é que haxa preitos entre vós. Por que non aguantades, máis ben, a inxustiza? Por que non vos deixades, máis ben, roubar?

8 Pero non, sodes vós os que facedes inxustiza e roubades ós outros; iso que son irmáns!

9 Non sabedes que os inxustos non herdarán o Reino de Deus? Non vos levedes a engano: nin os indecentes, nin os idólatras, nin os adúlteros, nin os efeminados, nin os homosexuais,

10 nin os ladróns, nin os avaros, nin os borrachos, nin os faltóns, nin os caciques herdarán o Reino de Deus.

11 E iso erades algúns de vós. Pero xa vos lavastes, xa vos consagraron e xa quedastes xustificados no nome do Señor Xesús Cristo e no Espírito do noso Deus.


A pureza cristiá

12 "Todo me está permitido" pero non todo me presta; "todo me está permitido" pero eu non me deixarei dominar por nada.

13 Os alimentos son para o ventre e o ventre para os alimentos, ademais o Señor destruirá unha cousa e mais a outra. Pero o corpo non é para a fornicación, senón para o Señor; e o Señor é para o corpo.

14 E Deus, que resucitou xa a Cristo, tamén nos ha resucitar a nós polo seu poder.

15 Non sabedes que os vosos corpos son membros de Cristo? E vou coller os membros de Cristo e convertelos en membros dunha prostituta? De ningunha maneira!

16 Ou non sabedes que quen se achegue á prostituta, faise un mesmo corpo con ela? Porque está dito: Faranse os dous unha soa carne.

17 Pola contra, quen se xunta ó Señor, é un mesmo espírito con El.

18 Fuxide da fornicación. Calquera pecado que o home poida cometer, cae fóra do corpo; pero quen fornica peca contra o seu propio corpo.

19 Ou non sabedes que o voso corpo é templo do Espírito Santo que está en vós, porque o recibistes de Deus e que polo tanto non sodes donos de vós?

20 Porque, en verdade, compróusevos a bo prezo. Glorificade, por tanto, a Deus co voso corpo.

Lean sinn:



Sanasan