1 Corintios 5 - Biblia SEPTESCÁNDALOS NA COMUNIDADE O incestuoso 1 Non se oe falar doutra cousa que da indecencia que hai entre vós; e dunha indecencia tal, que nin entre os pagáns se viu cousa coma ela. Pois chega a darse o caso de que un vive coa muller de seu pai. 2 E vós tan fachendosos, en lugar de poñervos de loito, para que desapareza do medio de vós quen tal cousa fai! 3 Pois eu, fisicamente ausente pero presente en espírito, xa tomei unha decisión sobre o que tal fixo, coma se estivese aí: 4 que xuntándonos no nome do noso Señor Xesús vós en persoa e eu en espírito, co poder do noso Señor Xesús, 5 entreguemos a ese tal a Satán: humanamente quedará esnaquizado, pero o seu "espírito" salvarase o Día do Señor. 6 Non está ben a vosa fachenda. Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda? 7 Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ácimos que sodes. Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado. 8 Fagamos, logo, a festa pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan ácimo de pureza e de verdade. 9 Escribinvos na outra carta que non vos levarades cos indecentes; 10 pero non me refería ós indecentes deste mundo, así sen máis, nin ós avaros ou ós ladróns ou ós idólatras, porque dese xeito tiñades que saír do mundo. 11 O que entón vos escribía foi que non vos levarades con aquel que ostentando o nome de irmán, sexa indecente ou avaro ou idólatra ou faltón ou borracho ou ladrón. Cun home así, nin sentar a comer. 12 Por que vou xulgar eu os de fóra? Non é os de dentro a quen vós xulgades? 13 Os de fóra é Deus quen os xulga. Botádeme o perverso do medio de vós. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)