1 Corintios 4 - Biblia SEPTOs ministros de Cristo 1 Por tanto, que a xente vexa en nós uns servidores de Cristo e administradores dos misterios de Deus. 2 Ora, o que se lles pide ós administradores é que sexan de fiar. 3 Por min impórtame moi pouco que me pidades contas vós ou un tribunal humano; nin tan sequera eu me xulgo a min mesmo. 4 Certo que de nada me remorde a conciencia. Pero non por iso estou xa xustificado: quen me pide contas é o Señor. 5 De modo, que non xulguedes antes de tempo: agardade a que chegue o Señor. Xa se encargará El de sacar á luz os segredos das tebras e de descubrir os motivos dos corazóns. Entón quen o mereza recibirá do Señor o seu aprobado. 6 En todo isto, irmáns, púxenme de exemplo eu e puxen a Apolo por causa vosa, para que nas nosas persoas aprendades aquilo de que non hai que ir máis alá do que está escrito, e non vos fagades fanáticos dun en contra do outro. 7 Porque quen te fai máis distinguido? Que tes ti que non o recibises? E se o recibiches, a que vén gabarse coma se non o recibises? 8 Xa estades fartos, xa estades ricos: sen nós estades feitos uns reis! Quen me dera que fose certo! Así podiamos nós reinar convosco. 9 Porque paréceme a min que a nós, ós apóstolos, púxonos Deus no derradeiro lugar, coma os condenados á morte; de xeito que resultamos ser un espectáculo para o mundo: tanto para os anxos coma para os homes. 10 Nós somos parvos por Cristo, vós que cristiáns máis asisados! Nós somos débiles, vós fortes; a vós hónranvos, a nós desprézannos. 11 Mesmo na hora presente pasamos fame e sede, e andamos esfarrapados; recibimos malos tratos e non temos acougo. 12 Matámonos a traballar coas nosas propias mans. Aldráxannos, e nós bendicimos; perséguennos e nós aturamos; 13 calúmniannos e nós falamos ben. Ata o presente vimos sendo algo así como o refugallo do mundo, o lixo de todos. 14 Non escribo isto para vos avergonzar: fágovos a reprensión coma a fillos moi queridos. 15 Coma cristiáns xa podedes ter milleiros de mestres, que pais non teredes moitos, pois fun eu quen por medio do Evanxeo vos xerei en Cristo Xesús. 16 Así que vos pido por favor que tratedes de me imitar a min. 17 Para iso vos mando aí a Timoteo, que é fillo meu moi querido e fiel no Señor. El havos facer o acordo dos meus principios cristiáns que son os mesmos que decote ensino en todas as igrexas. 18 Pensando que eu non ía ir onda vós, algúns enchéronse de soberbia. 19 Pero, se o Señor o quere, axiña chegarei aí e hei ter en conta non as palabras deses soberbios, senón a súa capacidade. 20 Porque o Reino de Deus non está no que se di, senón no que se é capaz de facer. 21 Que queredes? Que vaia onda vós cunha vara ou con cariño e espírito de mansedume? |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)