1 Corintios 3 - Biblia SEPTInmaturidade dos corintios 1 E eu, irmáns, non puiden falarvos coma a homes "espirituais", senón coma a homes aínda "non espirituais", coma a meniños en Cristo. 2 Alimenteivos con leite, non co alimento sólido, porque aínda non o podiades pasar. Claro que aínda agora non o pasades, 3 porque aínda sodes "carnais" Ou non é certo que sodes "carnais" e que vos portades dun xeito simplemente humano, se entre vós hai rivalidade e discordia? 4 Mentres un diga "eu son de Paulo" e outro "eu son de Apolo", non sodes sinxelamente humanos? O verdadeiro papel dos predicadores 5 Porque que é Apolo? Que é Paulo? Meros servidores por medio de quen aceptastes a fe; e cada un obrou conforme ó que o Señor lle deu. 6 Eu plantei, Apolo regou; pero Deus foi quen vos deu o medro. 7 De maneira que nin o que planta nin o que rega son ninguén, senón Deus, que é quen fai medrar. 8 Quen planta e rega veñen facer o mesmo, pero cadaquén levará a súa paga conforme ó seu traballo. 9 Porque nós somos xornaleiros de Deus; e vós sodes o agro de Deus, edificio de Deus. 10 Na medida da graza que Deus deu, coma un bo arquitecto, eu botei os alicerces. Outro edificou enriba. Que cadaquén olle como edifica. 11 Pois ninguén pode poñer unha cimentación distinta da que está posta, que é Xesús Cristo. 12 E sobre esta cimentación xa se pode edificar con ouro, con prata e con pedras preciosas ou con madeira, con feo e con palla, 13 e a obra que cadaquén faga ha quedar ben á vista, porque o Día fará que se vexa. Pois ese Día hase revelar con lume e o lume probará a calidade da obra de cadaquén. 14 Aquel a quen se lle aguante a obra que edificou, recibirá recompensa. 15 Aquel a quen lle quede ardida, quedará sen paga: el persoalmente hase salvar, pero só coma quen dá fuxido do lume. 16 Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? 17 Se alguén destrúe o templo de Deus, Deus destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós. Consecuencias 18 Que ninguén se engane. Se entre vós hai algún que se crea sabio ó xeito deste mundo, decátese de que é parvo para volverse sabio de verdade. 19 Porque a sabedoría deste mundo é parvada diante de Deus. Que está escrito: El pilla os listos na súa propia astucia. 20 E tamén: O Señor coñece os pensamentos dos sabios e sabe que son vans. 21 De modo que ninguén apoie o seu orgullo nos homes. Porque todo é voso certamente: 22 tanto Paulo coma Apolo coma Cefas, tanto o mundo coma a vida e coma a morte, tanto o presente coma o futuro. Todo é voso; 23 pero vós sodes de Cristo e Cristo é de Deus. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)