Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Corintios 16 - Biblia SEPT


CONCLUSIÓN Colecta para os cristiáns de Xerusalén

1 En canto á colecta a prol dos irmáns, facede o mesmo que dispuxen para as igrexas da Galacia.

2 Que o primeiro día da semana cada un de vós vaia xuntando na súa casa o que poida aforrar, para que non haxa que facer a colecta cando vaia eu.

3 E, cando chegue, mandarei a quen vós elixades, con cartas, para levaren a vosa caridade a Xerusalén.

4 No caso de que pague a pena que vaia tamén eu, irían comigo.


Plans de viaxe

5 Irei onda vós, cando atravese Macedonia, pois pola Macedonia teño que cruzar.

6 Pero convosco quizais me deteña, e se cadra, aínda paso o inverno, a fin de que vós me preparedes a viaxe para onde vaia.

7 Porque esta vez non quero vervos só de paso: espero quedar algún tempo convosco, se o Señor o permite.

8 Deica Pentecoste permanecerei en Éfeso,

9 pois ábreseme alí unha porta grande e prometedora e son moitos os adversarios.


Recomendacións e noticias

10 Se chega por aí Timoteo, mirade que non se sinta acovardado entre vós, pois traballa coma min na obra do Señor.

11 Que ninguén mo desprece. Arranxádelle a viaxe para que veña en paz onda min, porque estou á espera del cos irmáns.

12 En canto ó irmán Apolo teimei moito nel para que fose onda vós cos irmáns; pero agora non quixo ir de maneira ningunha: irá cando se lle presente unha boa ocasión.

13 Vixiade, afincádevos na fe, sede homes, sede rexos.

14 Que todo o que fagades sexa con amor.

15 Unha recomendación, irmáns: ben sabedes que a casa de Estevo é a primicia da Acaia, e que todos eles se puxeron ó servizo dos irmáns.

16 Poñédevos tamén vós á súa disposición e á de todo o que colabore e traballe con eles.

17 Estou moi alegre coa visita de Estevo, de Fortunato e de Acaico, pois eles enchéronme a vosa ausencia:

18 tranquilizaron o meu espírito e mais o voso. Apreciade, logo, a homes coma eles.


Despedida

19 Mándanvos recordos as igrexas de Asia. Mándanvos un caloroso saúdo cristián Aquila e Prisca e mais a asemblea que se xunta na casa deles.

20 Saúdanvos todos os irmáns. Saudádevos uns a outros co ósculo litúrxico.

21 Este saúdo é da miña propia man, Paulo.

22 Se algún non ama ó Señor, botádeo fóra. Marana ta.

23 A graza do Señor Xesús sexa convosco.

24 O meu amor está con todos vós en Cristo Xesús.

Lean sinn:



Sanasan