1 Corintios 14 - Biblia SEPTFinalidade dos carismas: a edificación da comunidade 1 Buscade a toda costa o amor; cobizade tamén os dons espirituais e, máis que nada, o da profecía. 2 Porque o que fala en linguas estrañas non fala para os homes senón para Deus, xa que ninguén o entende: o que fai é falar polo Espírito cousas misteriosas. 3 Mentres, quen profetiza fala para os homes, edifica, anima, consola. 4 Quen fala co don de linguas edifícase a si, pero quen profetiza edifica a comunidade. 5 Quixera que todos faledes en linguas, pero quero máis que faledes profeticamente. Porque quen fala inspirado é máis có que fala en linguas; a non ser que ó mesmo tempo as interprete, de maneira que sirva de edificación á comunidade. 6 Porque supoñamos, irmáns, que eu chegase onda vós falando en linguas. De que vos aproveitaría, se a miña palabra non vos aportase nin revelación, nin ciencia, nin inspiración, nin ensinanza? 7 Pasa igual que cos instrumentos de música: unha frauta ou unha cítola, poñamos por caso. Se non dan as notas con precisión, como un vai saber o que tocan? 8 Ou tamén: se unha trompeta toca sen xeito ningún, quen se vai preparar para o combate? 9 Pois igual vós: se co don de linguas non pronunciades palabras claras, como se vai entender o que falades? Falaredes para o vento. 10 No mundo hai linguas a barullo e ningunha carece de sentido. 11 Pero se non coñezo o significado das verbas, serei un estranxeiro para quen me fala; e estranxeiro será el para min. 12 Pois logo, xa que desexades tanto os dons espirituais, procurade abundar neles, para edificación da comunidade. 13 Por iso, quen fale co don de linguas, que pida o don de interpretalas. 14 Porque, se rezo co don de linguas, reza o espírito; pero o meu entendemento queda sen froito. 15 Entón que? Rezarei co espírito, pero tamén rezarei co entendemento; cantarei himnos co espírito, pero cantareinos tamén co entendemento. 16 Doutro xeito, se dás grazas co espírito, como van responder Amén á túa acción de grazas os que aínda están no grupo dos simpatizantes?: eles non entenden o que dis. 17 Ti fas, de certo, unha excelente acción de grazas, pero o outro non queda edificado. 18 Grazas a Deus teño máis don de linguas ca todos vós. 19 Pero na asemblea prefiro dicir cinco palabras contadas, pero que se entendan e que poidan instruír tamén ós demais, antes ca un discurso enteiro co don de linguas. 20 Irmáns, non sexades meniños no xuízo, senón só na falta de malicia: no xuízo tedes que ser homes. 21 Está escrito na Lei: Por homes doutra lingua e con labios alleos, heille falar a este pobo; e nin así me escoitarán, di o Señor. 22 De maneira que as linguas serven de sinal non para os crentes, senón para os incrédulos; a profecía, pola contra, serve para os crentes e non para os incrédulos. 23 Poñamos por caso que se reúne toda a comunidade en asemblea e que todos falan co don de linguas: se lles cadra entrar a algúns simpatizantes ou non crentes, non dirán que toleastes? 24 Pero, se todos profetizades e entra un non crente ou un simpatizante, séntese argüído por todos, séntese xulgado por todos, e 25 quedan ó descuberto os segredos do seu corazón. Entón prostrarase e adorará a Deus proclamando: "realmente Deus está no medio de vós". Regras prácticas 26 Que facer, entón, irmáns? Cando vos xuntedes, cada un pode cantar un himno, dar unha ensinanza, manifestar unha revelación, falar unha vez co don de linguas, facer unha interpretación. Que todo sirva de edificación. 27 No caso de que alguén fale co don de linguas, que sexan un ou dous soamente ou, como moito, tres e á rolda; e que haxa un intérprete. 28 Se non hai intérprete, entón quen teña ese don que cale na asemblea: que fale para si e para Deus. 29 Os profetas, que falen dous ou tres: os demais saquen as consecuencias. 30 Se algún dos que están sentados ten unha revelación, que cale quen está falando. 31 Porque, un por un, todos podedes profetizar, de modo que todos aprendan e reciban ánimos; 32 e ademais o espírito dos profetas está baixo o control dos propios profetas, 33 porque Deus non é Deus de desorde, senón de paz. Coma en todas as igrexas dos santos, 34 As mulleres na asemblea que calen a boca, que non lles está permitido falar; que se mostren submisas, coma a mesma Lei o di. 35 Se queren aprender algunha cousa, que llela pregunten na casa ós seus homes, pois non di ben nunha muller falar na asemblea. 36 Acaso empezou por vós a palabra de Deus? Ou chegouvos acaso soamente a vós? 37 Se algún se cre profeta ou inspirado polo Espírito, recoñeza que o que eu vos escribo é un mandato do Señor. 38 Se alguén o ignora, sinal de que tamén o ignorarán a el. 39 Así que, irmáns, aspirade a falar profeticamente e non lle privedes a ninguén de falar co don de linguas. 40 Pero que todo se faga con dignidade e con orde. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)