Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Corintios 12 - Biblia SEPT


Os dons do Espírito

1 Acerca dos dons espirituais non quero, irmáns, que esteades na ignorancia.

2 Ben sabedes que cando erades pagáns, sentiádesvos arrebatados á forza cara ós ídolos mudos.

3 Por iso declárovos que ninguén que diga "Renegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e que ninguén é capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo do Espírito Santo.


Variedade e unidade dos dons

4 Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito.

5 Hai diversidade de servizos, pero un mesmo Señor.

6 Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.

7 A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común.

8 A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito;

9 A aqueloutro o mesmo Espírito concédelle fe.

10 A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas.

11 Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.


A comparanza do corpo

12 Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo.

13 Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.

14 Pois ben, o corpo non está formado por un único membro senón por moitos.

15 Se o pé dixer: "como non son man, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo.

16 E se o oído dixer: "como non son ollo, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo.

17 Se todo o corpo for ollo, onde estaría o oído? Se for todo oído, onde estaría o ulido?

18 Ora, foi Deus quen puxo os membros, colocando cada un deles no corpo coma El quixo.

19 Se todo for un único membro, onde estaría o corpo?

20 En realidade, hai moitos membros, pero un corpo só.

21 O ollo non lle pode dicir á man: "Non preciso de ti", nin a cabeza ós pés: "non preciso de vós".

22 Todo o contrario: os membros do corpo que parecen máis débiles son os máis necesarios;

23 e os que temos por menos decorosos, cubrímolos con máis decoro; e os menos honestos tratámolos con máis recato;

24 cousa que non precisan os honestos. Deus dispuxo o corpo, dándolle máis honor ó máis privado del,

25 para que non haxa discordia no corpo; senón que, ó revés, os membros se preocupen por igual uns dos outros.

26 E así, cando padece un membro, todos padecen con el; cando a un membro o tratan ben, todos se alegran con el.


O corpo místico de Cristo

27 Ben, pois vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte.

28 Na Igrexa dispuxo Deus primeiro apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres. Despois os que teñen poder de facer milagres; finalmente os que teñen don de curacións, de asistencia, de goberno, de falar distintas linguas.

29 Ou é que todos son apóstolos? Todos son profetas? Todos son mestres? Todos fan milagres?

30 Todos teñen o don de curar? Todos falan en moitas linguas? Todos saben interpretar?

31 De todos modos, cobizade os carismas mellores. Pero, ademais aínda vos vou mostrar o camiño por excelencia.

Lean sinn:



Sanasan