Online Bible

- Advertisements -



This book is not inspired by God and is not part of the Christian canon or the Jewish Tanakh. It is shown only for historical and study purposes. View full explanation

DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 8 - Biblia SEPT


A visión do carneiro e do macho cabrún

1 No ano terceiro do reinado do rei Baltasar, eu, Daniel, tiven unha visión, despois da que tivera ó principio.

2 Observei durante a visión, e parecíame que estaba en Xuxán, a fortaleza situada na provincia de Elam; na visión decateime de que me atopaba á beira do río Ulai.

3 Alcei a vista e ollei: había un carneiro ergueito a carón do río. Tiña dous cornos, os dous eran altos, pero un era máis có outro, o máis alto nacera máis tarde.

4 Observei que o carneiro acometía contra o poñente, contra o norte e contra o sur; ningún animal lle podía facer cara, ningún se libraba da súa furia; facía canto lle viña en gana e andaba oufanándose.

5 Mentres eu estaba cavilando, apareceu un macho cabrún que viña de occidente, percorrendo a terra enteira sen tocar o chan. Este macho cabrún tiña un corno ben visible entre os ollos.

6 Aproximouse ó carneiro dos dous cornos, que eu vira ergueito a carón do río, e botou a correr cara a el con toda a súa furia.

7 Vino chegar á beira do carneiro e revirarse contra el; turrou contra o carneiro e rompeulle os dous cornos. O carneiro non tivo forzas para resistir ante el; botouno por terra e tripouno coas patas. Non houbo quen puidese librar o carneiro do seu poder.

8 O macho cabrún fíxose moi grande, pero cando estaba na plenitude do seu poder, rompeulle o gran corno, e no sitio del saíronlle outros catro cornos ben visibles e orientados cara ós catro ventos do ceo.

9 Dun deles saíu ademais un corno pequeno que creceu moito, apuntando cara ó sur, cara ó oriente e cara ó País do Esplendor.

10 Fíxose grande incluso respecto do exército do ceo, pois botou por terra parte do mesmo e parte das estrelas, ás que pisou coas patas.

11 Levantouse contra o mesmo xefe do exército, suprimiulle o sacrificio cotián e derrubou o lugar do seu santuario.

12 O exército foille entregado, así coma o sacrificio expiatorio; a verdade foi tirada por terra; actuou así, e deulle resultado.

13 Oín entón a dous santos que estaban a falar entre si. Preguntaba un deles: Ata cando vai durar iso da visión: o sacrificio cotián e mais o expiatorio abolidos, a desolación do santuario e o exército esmagado cos pés?

14 Contestoulle o outro: Dúas mil trescentas tardes e mañás. Despois o santuario será reivindicado.


Explicación da visión

15 Mentres eu, Daniel, observaba a visión e trataba de comprendela, apareceu de pé, diante de min, unha figura humana.

16 Oín tamén unha voz de home na beira do Ulai, que berrou: Gabriel, explícalle a visión a este.

17 Veu el cara a onde estaba eu e, en canto se me acercou, eu fiquei abraiado e caín sobre o meu rostro; pero el díxome: Home, debes comprender que a visión fai referencia ó tempo final.

18 Mentres el me falaba, eu perdín o coñecemento, e seguín co rostro na terra; pero el agarroume e púxome de pé.

19 Despois díxome: Heiche explicar o que vai acontecer no tempo final da ira; porque o prazo derradeiro está fixado.

20 O carneiro de dous cornos que viches, representa os reis de Media e Persia;

21 o macho cabrún é o rei de Grecia, e o corno grande que tiña entre os seus ollos é o primeiro rei.

22 O que rompeu e mais os catro cornos que saíron no seu lugar son catro reinos que xurdirán desta nación, pero non terán a súa forza.

23 O remate dos seus reinados, cando teñan chegado ata o colmo as súas atrocidades, xurdirá un rei insolente, experimentado en astucias.

24 Chegará a ter moito poder, aínda que non pola súa forza: causará ruínas nunca oídas e prosperará nas súas empresas. Destruirá os poderosos e o pobo dos santos.

25 Pola súa habilidade, o fraude triunfará nas súas mans e cubrirase de soberbia o seu corazón; arruinará a moitos con sangue frío. Mesmo se alzará contra o Príncipe dos príncipes, pero será destruído sen intervención humana ningunha.

26 A visión referente ás tardes e ás mañás é verdadeira; pero ti mantén secreta a visión, porque se refire a días afastados.

27 Eu, Daniel, desfalecín e caín enfermo por algúns días. En canto me erguín, púxenme a atender os asuntos do rei, pero seguía alarmado por causa da visión, sen podela comprender.

Follow us:



Advertisements