This book is not inspired by God and is not part of the Christian canon or the Jewish Tanakh. It is shown only for historical and study purposes. View full explanation DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 5 - Biblia SEPTO convite de Baltasar 1 O rei Baltasar ofreceu un gran banquete ós seus mil dignitarios, e púxose a beber viño en compaña de todos eles. 2 Despois de probar o viño, Baltasar mandou traer os vasos de ouro e prata que seu pai, Nabucodonosor, collera do templo de Xerusalén, para que bebesen neles o rei e mais os seus dignitarios, as súas mulleres e as súas concubinas. 3 Tan pronto como trouxeron os vasos de ouro e prata, levados do santuario do templo de Deus en Xerusalén, brindaron con eles o rei e mais os seus dignitarios, as súas mulleres e mais as concubinas. 4 Beberon viño e loaron os seus deuses de ouro, prata, bronce, ferro, madeira e pedra. O escrito misterioso 5 De repente apareceron os dedos dunha man de home, que, por detrás do candeeiro, se puxeron a escribir no cal da parede do pazo real. O rei así que viu a palma da man que escribía, 6 virou de cor e os seus pensamentos conturbárono, afrouxáronselle os músculos dos riles e os seus xeonllos batían un contra o outro. 7 O rei pediu a berros que fixesen vir ós astrólogos, meigos e adiviños. Tomando a palabra, díxolles ós sabios de Babilonia: O que lea este escrito e me mostre a súa interpretación, será vestido de púrpura, poñeráselle ó pescozo un colar de ouro e será o terceiro no goberno do meu reino. 8 Acudiron todos os sabios do reino, pero non foron capaces de ler o escrito nin de lle explicar ó rei o seu significado. 9 Entón o rei Baltasar ficou moi alarmado e virou de cor; tamén os seus dignitarios se sentiron desconcertados. 10 A raíña, informada das palabras do rei e dos dignitarios, entrou na sala do banquete, tomou a palabra e dixo: Viva o rei eternamente! Non te turben os teus pensamentos nin perdas a cor. 11 Hai no teu reino un home en quen mora o espírito dos deuses santos. Xa en tempos de teu pai se achou nel unha mente lúcida e unha sabedoría semellante á dos deuses; tanto que o rei Nabucodonosor, teu pai, nomeouno xefe dos meigos, astrólogos, agoireiros e adiviños. 12 Xa que Daniel, a quen o rei chamaba Baltasar, deu probas de ter un espírito extraordinario de ciencia e intelixencia, capacidade para interpretar os soños, descifrar enigmas e resolver problemas, que se chame a Daniel, pois el indicará a interpretación. 13 Trouxeron de seguida a Daniel ante o monarca. Este, tomando a palabra, preguntoulle a Daniel: Es ti Daniel, un daqueles desterrados que trouxo o rei, meu pai, de Xudá? 14 Teño oído contar que mora en ti o espírito dos deuses, e que en ti se descubriu unha intelixencia despexada e unha sabedoría extraordinaria. 15 Pois ben, acaban de ser introducidos ante a miña presenza os sabios e mais os meigos para que lesen este escrito e me desen a saber a súa interpretación, pero non foron capaces de me explicar o seu significado. 16 Oín dicir que ti sabes interpretar os soños e descifrar enigmas; pois, se consegues ler este escrito e me dás a saber a súa interpretación, serás vestido de púrpura, levarás ó pescozo un colar de ouro, e serás o terceiro no goberno do meu reino. 17 Daniel tomou a palabra e dixo en presenza do rei: Queda cos teus regalos e dálle a outro os teus agasallos; eu lerei igualmente o escrito para o rei, e dareille a coñecer a súa interpretación. 18 Maxestade: o Deus Altísimo concedeulle a Nabucodonosor, teu pai, o imperio, a grandeza, a gloria e mais a magnificencia; 19 e polo poder que lle deu, todos os pobos, nacións e linguas temíano e respectábano. Mataba a quen quería e deixaba con vida a quen lle parecía, exaltaba a quen el quería e humillaba a quen lle daba a gana. 20 Pero en canto se ensoberbeceu o seu corazón e se obstinou o seu espírito na insolencia, foi deposto do seu trono real e despoxado da súa gloria. 21 Tivo que vivir arredado da xente, o seu corazón tornouse semellante ó dos animais, e conviviu cos onagros; comeu herba coma os bois, e o seu corpo foi mollado polo orballo do ceo, ata que recoñeceu que o Deus Altísimo domina sobre a realeza dos homes e coloca no trono a quen quere. 22 Pero ti, Baltasar, seu fillo, non humillaches lo teu corazón, a pesar de saber todo isto; 23 rebelácheste contra o Señor do ceo, fixeches traer os vasos do seu templo, e ti e mais os teus dignitarios, xunto coas túas esposas e mais as túas concubinas, bebestes viño neles. Loastes os deuses de prata e ouro, de bronce e de ferro, de madeira e de pedra, que non ven nin oen, nin entenden; en cambio non glorificaches o Deus que ten nas súas mans o teu alento e de quen dependen todos os teus proxectos. 24 Por ese motivo foi enviada por El esa man que trazou este escrito. Lectura e interpretación do escrito 25 Esta é a escritura que foi trazada: "Contado, Pesado, Dividido". 26 A interpretación de tales palabras é esta: "Contado": Deus ten contados os días do teu reinado, e púxolles fin. 27 "Pesado": fuches pesado na balanza e atopado falto de peso. 28 "Dividido": o teu reino foi dividido e entregado ós medos e ós persas. 29 Baltasar mandou de contado que se lle puxese a Daniel un vestido de púrpura e se lle colgase un colar de ouro ó pescozo, e que pregoasen que el ocuparía o terceiro posto no reino. 30 Naquela mesma noite foi asasinado Baltasar, rei dos caldeos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)