Online Bible

- Advertisements -



This book is not inspired by God and is not part of the Christian canon or the Jewish Tanakh. It is shown only for historical and study purposes. View full explanation

DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 4 - Biblia SEPT

1 Eu, Nabucodonosor, estaba tranquilo na miña casa, e satisfeito no meu pazo.

2 De repente tiven un soño que me asustou. As imaxinacións que tiven no leito e mais os pensamentos da miña mente deixáronme arrepiado.

3 Mandei que se me presentasen todos os sabios de Babilonia, para que me desen a coñecer a interpretación do soño.

4 Viñeron entón os meigos, os adiviños, os astrólogos e os agoireiros; contei o soño diante deles, pero non foron capaces de me explicar o seu significado.

5 Ata que, por fin, se presentou Daniel a quen se lle chama Baltasar en relación co nome do meu deus, home no que mora o espírito dos santos deuses. E conteille o meu soño:

6 Baltasar, xefe dos meigos, ben sei que tes o espírito dos santos deuses e que ningún misterio che ofrece dificultade; velaquí o soño que tiven, ti vasme dar a súa explicación.

7 Estando deitado, observei as visións da miña cabeza: había unha árbore no medio da terra, a súa altura era enorme.

8 A árbore foi medrando e robusteceuse, chegando a súa altura ata o ceo, e víase desde todos os extremos da terra.

9 A súa ramallada era fermosa e o seu froito abundante; había nela alimento para todos, debaixo dela acubillábanse os animais do campo; nas súas pólas aniñaban as aves do ceo; mantíñanse dela todos os seres viventes.

10 Eu observaba no meu leito as visións da miña cabeza; nisto descendeu do ceo un vixiante, un santo.

11 Berrou con voz forte e dixo así: Derrubade a árbore, cortade as súas pólas, arrincádelle as follas, ciscade os seus froitos, fuxan os animais de debaixo dela, e as aves das súas ramas.

12 Pero deixade na terra a cepa coas súas raíces, con cadeas de ferro e bronce, entre a herba do campo. Que sexa bañada polo orballo do ceo, que cos animais comparta a herba da terra.

13 Que se lle cambie o corazón de home e que lle dean un corazón de animal; e pasen por ela sete anos.

14 Por decreto dos Vixiantes pronúnciase esta sentencia; é a cuestión decidida polos Santos, para que todo ser vivente recoñeza que o Altísimo é o dono da realeza humana, que lla dá a quen lle comprace e pode elevar a ela o máis humilde dos homes.

15 Este é o soño que tiven eu, o rei Nabucodonosor; ti, Baltasar, explícame o seu significado, pois ningún dos sabios do meu reino foi capaz de mo interpretar; pero ti es competente, porque o espírito dos deuses santos está en ti".


Daniel explica o soño

16 Entón, Daniel, chamado Baltasar, quedou desconcertado por un momento, turbárono os seus pensamentos. O rei tomou a palabra e díxolle: —Baltasar, que non te asusten o soño e mais a súa interpretación. Replicou Baltasar: Meu Señor, que o soño sexa para os teus inimigos e a súa interpretación para os teus adversarios.

17 A árbore que viches, que se fixo grande e vigorosa, cunha altura que chegaba ata o ceo e resultaba visible desde toda a terra,

18 que tiña unha ramallada fermosa e os seus froitos eran abundantes, de maneira que nela había alimento para todos, e debaixo dela acubillábanse os animais do campo, e nas súas pólas aniñaban as aves do ceo,

19 es ti mesmo, maxestade, que te fixeches grande e forte, a túa grandeza creceu ata tocar o ceo, e o teu poder dilátase ata as extremidades da terra.

20 En canto ó que viches, maxestade: un Vixiante, un Santo que baixou do ceo e dixo: "Derrubade a árbore, destruídea, pero deixade na terra a cepa coas súas raíces, atada con cadeas de ferro e bronce no medio da herba do campo, que se molle co orballo do ceo e comparta a sorte dos animais do campo ata que pasen sobre ela sete anos",

21 este é o seu significado, maxestade: é o decreto do Altísimo que lle afecta ó meu Señor, o rei.

22 Afastarante da xente, e morarás cos animais do campo. Manteraste de herba o mesmo cós bois, e mollarate o orballo do ceo; pasarán así sete anos sobre ti, ata que recoñezas que o Altísimo domina sobre a realeza dos homes e lla dá a quen El quere.

23 Mandouse deixar a cepa e mais as raíces da árbore, porque che vai conservar a realeza tan axiña como recoñezas que todo poder vén do ceo.

24 Polo tanto, maxestade, acepta o meu consello: redime os teus pecados con esmolas, e as túas iniquidades con misericordia cos pobres; así alongarase a túa prosperidade.


Humillación de Nabucodonosor

25 Todo isto aconteceulle ó rei Nabucodonosor.

26 O cabo de doce meses achábase paseando polo terrado do pazo real de Babilonia.

27 O rei fixo o seguinte comentario: Non é esta, logo, a grande Babilonia, que eu edifiquei para residencia real co meu inmenso poder e para honra da miña maxestade?

28 Aínda ben non acabara de falar o rei, cando baixou unha voz do ceo: Fáiseche saber, rei Nabucodonosor, que che queda retirada a realeza:

29 Afastarante da xente, vivirás cos animais salvaxes, daranche de comer herba coma ós bois, e vas pasar así sete anos, ata que recoñezas que o Altísimo é o dono da realeza dos homes e lla outorga a quen El quere.

30 Naquel momento cumpriuse a sentencia contra Nabucodonosor: afastárono da xente, pacía herba coma os bois, o orballo do ceo mollaba o seu corpo; mesmo medraron os seus cabelos coma plumas de aguia e as súas unllas coma as das aves.

31 O remate do tempo sinalado, eu, Nabucodonosor, erguín os ollos cara ó ceo, e recobrei a miña razón; entón bendicín o Altísimo, loei e glorifiquei o que vive eternamente. O seu reino é un reino eterno, o seu imperio subsiste por todas as xeracións.

32 Todos os habitantes da terra diante del non contan nada: fai canto quere co exército do ceo e cos habitantes da terra. Non hai quen lle poida deter a man e dicirlle: "Que estás facendo?".

33 Naquel momento recobrei a razón, tamén se me devolveu para gloria do seu reino a miña maxestade e mais o meu esplendor. Reclamáronme os conselleiros e mais os dignitarios, fun reposto no meu reino e foime outorgado un poder moito meirande.

34 Agora, eu, Nabucodonosor, loo, exalto e glorifico ó rei do ceo, porque son verdade todas as súas obras; e xustiza os seus vieiros; El ten poder para humillar os que proceden con soberbia.

Follow us:



Advertisements