This book is not inspired by God and is not part of the Christian canon or the Jewish Tanakh. It is shown only for historical and study purposes. View full explanation DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 2 - Biblia SEPTO soño misterioso do rei 1 No ano segundo do seu reinado, Nabucodonosor tivo un soño, e o seu espírito quedou tan turbado que non puido continuar a durmir. 2 O rei mandou chamar os meigos, astrólogos, agoireiros e adiviños, para que lle explicasen o soño. Eles viñeron e presentáronse ó monarca. 3 Díxolles o rei: Tiven un soño, e o meu espírito sente desacougo tratando de comprender. 4 Respondéronlle os adiviños ó rei, en arameo: Que viva o rei para sempre! Conta o soño ós teus servidores, que nós che exporemos a súa interpretación. 5 Respondeu o rei advertíndolles ós adiviños: Xa teño a miña decisión tomada! Se non me dicides o soño e mais a súa interpretación, vós seredes cortados en anacos e as vosas casas quedarán reducidas a esterqueiras; 6 en troques, se me expoñedes o soño e mais o seu significado, recibiredes de min regalos, agasallos e grandes honores. Polo tanto contádeme o soño e mais a súa interpretación. 7 Respondendo eles por segunda vez, dixéronlle: Que o rei diga o soño ós seus servidores, e nós daremos a interpretación do mesmo. 8 Replicou o rei: Ben vexo que estades a gañar tempo, porque xa sabedes que a miña palabra está dada. 9 Pero se non me dades a coñecer o soño, haberá para todos vós unha mesma sentencia. Xuntástesvos para me contar mentiras e falsidades en tanto non mudan os tempos. Así que contádeme o soño e quedarei convencido de que o sabedes interpretar. 10 Os adiviños respondéronlle ó rei nestes termos: Non hai home na terra que poida manifestar o que pide o rei; polo mesmo, endexamais ningún monarca por máis grande e poderoso que el sexa esixe cousa semellante a ningún meigo, astrólogo ou adiviño. 11 A cousa que o rei pide é difícil e non existe máis ninguén que llo poida dicir ó rei, a non seren os deuses; pero a súa morada non está entre os mortais. 12 Con tal motivo, o rei púxose moi alporizado e ordenou matar a todos os sabios de Babilonia. 13 Promulgouse o decreto e os sabios ían ser executados. Tamén andaban á procura de Daniel e mais dos seus compañeiros para os mataren. 14 Entón Daniel tivo unha entrevista sabia e asisada con Arioc, xefe da garda real, quen saíra co plan de matar ós sabios de Babilonia. 15 Tomou a palabra e díxolle a Arioc, oficial do rei: Por que un decreto tan severo de parte do rei? Entón Arioc explicoulle o asunto a Daniel. 16 Daniel acudiu onda o rei e suplicoulle que lle concedese un prazo para lle dar a coñecer a interpretación. 17 Voltou Daniel á súa casa e informou acerca do caso á Hananías, Azarías e Mixael, os seus compañeiros, 18 rogándolles que implorasen misericordia do Deus do ceo para que lles revelase aquel segredo e non tivesen que perecer Daniel e mais os seus compañeiros co resto dos sabios de Babilonia. 19 O segredo foille revelado a Daniel nunha visión nocturna, polo que Daniel bendiciu o Deus do ceo, 20 dicindo: "Bendito sexa o nome de Deus polos séculos dos séculos, pois El ten a sabedoría e mais o poder. 21 El é quen fai mudar os tempos e mais as estacións, depón os reis e entronízaos. El dá sabedoría ós sabios e ciencia ós que entenden. 22 El é quen revela as cousas profundas e mais as ocultas, coñece o que está nas tebras, pois a luz está onda El. 23 Lóuvote e douche as grazas, Deus de meus pais, porque me deches sabedoría e mais forza, e agora mostráchesme o que che pediramos, reveláchesme o asunto do rei". 24 Despois Daniel foi onda Arioc, a quen o rei encargara o exterminio dos sabios de Babilonia, e díxolle: Non fagas perecer os sabios de Babilonia! Ti lévame a xunto do rei, que eu lle indicarei a interpretación. 25 Arioc introduciu a toda présa a Daniel na presenza do rei, e díxolle: Achei un home de entre os deportados de Xudá que lle vai indicar a interpretación ó rei. 26 O rei tomou a palabra e preguntoulle a Daniel, a quen se lle chamaba Baltasar. Ti serás capaz de contarme o soño que tiven e mais a súa interpretación? Explicación do soño 27 Daniel respondeu ante o rei: O segredo que quere saber o rei non son capaces de llo indicar nin os sabios, nin os astrólogos, nin os bruxos, nin os adiviños; 28 pero no ceo hai un Deus que revela os segredos e El tivo a ben dar a coñecer ó rei Nabucodonosor canto vai suceder no decorrer dos tempos. O teu soño e mais as visións da túa cabeza que tiveches estando na cama, eran estes: 29 Mira, maxestade; as matinacións que acudiron á túa mente no leito versaban sobre canto vai acontecer no futuro, e aquel que revela os segredos deuche a saber o que vai suceder. 30 En canto a min, non é que eu teña unha sabedoría maior que todos os viventes, senón que me foi revelado este segredo unicamente coa fin de lle manifestar ó rei a interpretación e, de tal xeito, comprendas as cavilacións da túa mente. 31 Ti, rei, estabas vendo, e velaquí, unha estatua grande. A estatua era enorme, e o seu brillo extraordinario; erguíase diante de ti, e o seu aspecto era terrible. 32 A cabeza da estatua era de ouro puro; o peito e mais os brazos, de prata; o ventre e mais os cadrís, de bronce; 33 As pernas, de ferro; e os pés, parte de ferro e parte de barro. 34 Seguías fitándoa, cando se desprendeu unha pedra sen a tocar ninguén, foi bater contra os pés da estatua, que eran de barro e mais de ferro, e esnaquizounos. 35 Nun instante volvéronse po o ferro e mais o barro, o bronce, a prata e mais o ouro; tornáronse coma a palla miúda das eiras no verán; o vento arramplou con eles sen deixar rastro. Pola súa banda, a pedra que desfixo a estatua creceu e transformouse nunha montaña tan grande que enchía toda a terra. 36 Este foi o soño; agora imos expoñer ante o rei o seu significado: 37 ti, maxestade, rei de reis, a quen o Deus do ceo concedeu o imperio, a forza, o poder e mais a maxestade, 38 A quen deu poder sobre os homes, onde queira que eles habiten, sobre os animais do campo e as aves do ceo, para que reines sobre todos eles: ti es a cabeza de ouro. 39 Despois de ti alzarase outro imperio, inferior ó teu; e, máis adiante, un terceiro imperio que será de bronce e dominará sobre a terra toda. 40 Máis tarde haberá un cuarto imperio, forte coma o ferro; do mesmo xeito que o ferro esnaquiza e tritura todo, tamén el ha esnaquizar e triturar a todos os outros. 41 Os pés e mais os dedos que viches, de ferro mesturado con barro de oleiro, representan un reino dividido, aínda terá algo da consistencia do ferro, tal como viches o ferro mesturado co barro. 42 Conforme eran as dedas dos pés, en parte de ferro e en parte de barro, así, unha parte do imperio será forte e outra parte será fráxil. 43 O feito de ver o ferro mesturado co barro quere dicir que se mesturarán as liñaxes, pero sen se fusionaren unha coa outra, como tampouco o ferro se amalgama co barro. 44 No tempo deses reis, o Deus do ceo suscitará un reino que endexamais non será derrubado nin cederá o poder a outro pobo; máis aínda: destruirá e acabará con todos estes reinos, e el subsistirá para sempre, 45 tal e como viches que se desprendeu a pedra do monte, sen intervención de ningunha man, e esnaquizou o ferro, o bronce, o barro, a prata e mais o ouro. O Deus grande deu a coñecer ó rei canto vai acontecer no futuro. O soño é verdadeiro e a súa interpretación, digna de creto. 46 Entón o rei Nabucodonosor prostrouse rostro en terra e rendeulle homenaxe a Daniel, e mandou que lle ofrecesen sacrificios e mais perfumes. 47 O rei dirixiuse a Daniel e díxolle: Sen dúbida que o voso Deus é o Deus dos deuses e mais o Señor dos reis; El revela os segredos, pois ti fuches capaz de me explicar este segredo. 48 Despois o rei ascendeu a Daniel e outorgoulle numerosos e importantes regalos, nomeouno gobernador da provincia de Babilonia e tamén presidente de todos os sabios de Babilonia. 49 A petición de Daniel, o rei encargou da administración da provincia de Babilonia a Xadrac, Mixac e Abednegó. Daniel permaneceu na corte real. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)