This book is not inspired by God and is not part of the Christian canon or the Jewish Tanakh. It is shown only for historical and study purposes. View full explanation DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 14 - Biblia SEPTBEL E MAIS O DRAGÓN (TEXTO GREGO) Daniel e os sacerdotes de Bel 1 O rei Astiaxes foise xuntar con seus pais, e Ciro, o persa, recibiu o seu reino. 2 Daniel convivía co rei, e era o máis honrado de todos os seus amigos. 3 Tiñan os babilonios un ídolo chamado Bel; cada día levábanlle medio quintal de fariña peneirada, corenta ovellas e cento trinta litros de viño. 4 Tamén o veneraba o rei e ía adoralo cada día, en cambio Daniel adoraba o seu Deus. 5 O rei preguntoulle: Por que non adoras a Bel? El respondeu: Porque eu non venero ídolos feitos pola man dos homes, senón o Deus vivo, que creou o ceo e mais a terra e ten poder sobre todo vivente. 6 Replicoulle o rei: Entón, ti non cres que Bel é un deus vivo? Non ves todo o que come e bebe cada día? 7 Contestou Daniel sorrindo: Non te enganes, maxestade, porque este por dentro é de barro e por fóra de bronce, endexamais non comeu nin bebeu. 8 O rei, alporizado, chamou ós seus sacerdotes e díxolles: Se non me dicides quen é o que come este gasto, morreredes; pola contra, se me demostrades que o come Bel, morrerá Daniel por blasfemar contra Bel. 9 Daniel díxolle ó rei: Que se faga conforme dixeches. 10 Os sacerdotes de Bel eran setenta, sen contar as mulleres nin os fillos. O rei foi con Daniel ó templo de Bel. 11 Os sacerdotes de Bel dixéronlle: Mira, nós imos saír para fóra. Ti, maxestade, deposita os alimentos, pon o viño despois de mesturalo, pecha a porta e sélaa co teu anel. Se cando volvas mañá cedo descobres que Bel non comeu todo, morreremos nós; en caso contrario, morrerá Daniel, que mentiu contra nós. 12 Eles estaban despreocupados, porque fixeran unha entrada secreta por debaixo da mesa, pola que entraban decote e comían as ofrendas. 13 En canto tiveron saído aqueles, o rei depositou os alimentos diante de Bel. 14 Daniel mandou ós seus criados que trouxesen cinsa e a esparexesen por todo o templo; só estaba presente o rei. Tras saíren, pecharon a porta, selárona co anel do rei e marcharon. 15 Pola noite, segundo o seu costume, viñeron os sacerdotes coas súas mulleres e mais os fillos, e comeron e beberon todo. 16 O rei madrugou moito, e Daniel foi con el. 17 Preguntou o rei: Están intactos os selos, Daniel? El respondeu: Intactos, maxestade. 18 Tan pronto como abriu a porta, o rei botoulle unha ollada á mesa e exclamou con voz forte: Que grande es, Bel! En ti non hai engano! 19 Daniel riu e, detendo o rei para que non entrase dentro, díxolle: Olla o chan e procura pescudar de quen son estas pegadas. 20 Repuxo o rei: Vexo pegadas de homes, de mulleres e de nenos. 21 Entón o rei, cheo de furor, mandou prender os sacerdotes, as súas mulleres e os seus fillos. Eles mostráronlle a porta secreta pola que entraban e comían o que había sobre a mesa. 22 O rei mandounos matar e a Bel púxoo nas mans de Daniel, quen o desfixo xuntamente co templo. Daniel mata o dragón 23 Tamén había un dragón enorme, que veneraban os babilonios. 24 O rei díxolle a Daniel: Non podes dicir que este non é un deus vivo. Así que, adórao. 25 Replicou Daniel: Eu adoro o Señor, meu Deus, porque El é o Deus vivo. Pero ti, maxestade, dáme permiso e eu matarei o dragón sen espada e sen caxato. 26 Contestou o rei: Estache concedido. 27 Entón Daniel colleu pez, graxa e mais pelos, coceu todo xunto, fixo unhas bolas e meteullas na boca ó dragón. O dragón comeunas e rebentou. E dixo Daniel: Mirade o que estades venerando vós. Daniel na cova dos leóns 28 Sucedeu que cando se informaron os babilonios, puxéronse moi rabiosos, e manifestáronse contra o rei, pois dixeron: "O rei fíxose xudeu; derrubou a Bel, matou o dragón e degolou os sacerdotes". 29 Foron onda o rei e dixéronlle: Entréganos a Daniel; se non, matarémoste a ti e mais a túa familia. 30 O rei, ó ver que o ameazaban gravemente, cedendo ante a necesidade, entregoulles a Daniel. 31 Eles botárono na cova dos leóns, onde pasou seis días. 32 Na cova había sete leóns, cada día botábanlles dous corpos humanos e mais dúas ovellas; pero naquela ocasión non se lles deu nada, para que devorasen a Daniel. 33 En Xudea vivía o profeta Habacuc; acababa de preparar un cocido e de esmiuzar pan nun prato, e marchaba para o agro a llelo levar ós segadores. 34 Pero o anxo do Señor díxolle a Habacuc: Leva esa comida que tes, a Babilonia, a Daniel, que está na cova dos leóns. 35 Habacuc respondeu: Señor, nunca vin Babilonia e non coñezo a cova. 36 Entón o anxo do Señor colleuno polo curuto e, levándoo agarrado polo pelo da cabeza coa forza do seu espírito, trasladouno a Babilonia, en fronte da cova. 37 Habacuc gritou: Daniel, Daniel, toma a comida que Deus che envía. 38 Respondeu Daniel: Meu Deus, lembrácheste de min! Ti nunca desamparaches ós que te aman. 39 Daniel ergueuse e púxose a comer. E o anxo de Deus volveu levar de contado a Habacuc ó seu lugar. 40 O sétimo día veu o rei para chorar a Daniel. Aproximouse á cova e ollou cara a dentro, e viu a Daniel sentado. 41 Entón, berrando con toda a voz, dixo: Que grande es, Señor, Deus de Daniel, fóra de Ti non hai outro! 42 Fíxoo sacar, e ós causantes do atentado botounos na cova, e nun instante foron devorados na súa presenza. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)