This book is not inspired by God and is not part of the Christian canon or the Jewish Tanakh. It is shown only for historical and study purposes. View full explanation DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 12 - Biblia SEPTOs tempos mesiánicos e a retribución 1 Naquel tempo alzarase Miguel, o gran príncipe que protexe os fillos do teu pobo. Será época de angustia, tal que nunca a houbo coma ela desde que as nacións existen ata aquel tempo. Mesmamente naquel tempo salvarase o teu pobo: todos os que se atopen inscritos no libro. 2 Moitos dos que dormen no po da terra espertarán: uns para a vida eterna, outros para a ignominia, para a reprobación eterna. 3 Os sabios brillarán coma o fulgor do firmamento, e os que educaron na xustiza ós demais serán coma as estrelas por toda a eternidade. 4 Pero ti, Daniel, mantén secretas estas palabras e ten o libro selado ata o momento final. Moitos correrán de aquí para acolá e aumentarán o seu saber. 5 Eu, Daniel, ollei e vin outros dous homes que estaban de pé, un na beira de acá do río e outro na beira de alá. 6 E pregunteille ó home vestido de liño que estaba sobre as augas do río: Cando acabarán estas cousas prodixiosas? 7 O home vestido de liño, que se achaba sobre as augas do río, levantou a man dereita cara ó ceo, o mesmo cá esquerda, e sentinlle xurar por aquel que vive eternamente: Por un ano, dous anos e mais a metade dun ano. Cando quede totalmente extinguida a forza do pobo santo, entón cumpriranse todas estas cousas. 8 Eu oín, pero non cheguei a comprender. Entón preguntei: Meu señor, cal será o resultado destas cousas? 9 El respondeume: Vaite, Daniel, que estas cousas son secretas, e quedan seladas deica o momento final. 10 Moitos tornarán puros, branqueados e acrisolados; pola contra, os malvados seguirán a facer mal; ningún impío comprenderá nada, pero os sabios daranse conta. 11 Desde o tempo en que sexa abolido o sacrificio cotián e instalen a abominación da desolación, pasarán mil douscentos noventa días. 12 Benaventurado quen poida agardar ata que pasen mil trescentos trinta e cinco días. 13 Pero ti vaite e descansa. Xa te levantarás para recibires o teu destino no remate dos días. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)