Online Bible

- Advertisements -



This book is not inspired by God and is not part of the Christian canon or the Jewish Tanakh. It is shown only for historical and study purposes. View full explanation

DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 11 - Biblia SEPT


A guerra entre Persia e Grecia

1 Eu, pola miña parte, estiven onda el no ano primeiro de Darío, o medo, para apoialo e defendelo.

2 Agora vouche comunicar a verdade: Mira, en Persia vai haber aínda tres reis. O cuarto amoreará máis riqueza ca todos os outros; pero cando se considere poderoso pola riqueza, encirrará a todos contra o reino de Grecia.

3 Xurdirá un rei valente, que reinará con moito poder e actuará conforme a súa vontade.

4 Pero tan pronto se consolide, o seu reino será fraccionado e dividido entre os catro ventos do ceo; non o herdará a súa posteridade nin terá tanto poder, porque o seu reino será desmembrado e pasará a outros distintos destes.


Rivalidade entre Siria e Exipto

5 O rei de Mediodía farase poderoso, pero un dos seus xefes chegará a ser máis forte ca el, e prevalecerá; terá un imperio moi grande.

6 O cabo dalgúns anos concertarán unha alianza, e a filla do rei do Mediodía virá onda o rei do Norte, para establecer os acordos; con todo, ela perderá a forza do seu brazo; tampouco subsistirá a súa descendencia, pois ela mesma, o seu séquito, o seu fillo e mais o protector serán entregados por certo tempo.

7 Pero xurdirá no seu lugar un renovo saído das súas raíces; el avanzará cun exército e penetrará na fortaleza do rei do Norte, loitará contra eles e triunfará.

8 Levará consigo para Exipto tamén os seus deuses coas súas imaxes de metal fundido e tamén os obxectos preciosos de prata e ouro. Por uns poucos anos deixará en paz ó rei do Norte.

9 Este fará unha incursión no territorio do rei de Mediodía, pero logo retornará para o seu país.

10 Os seus fillos volverán ás hostilidades, reunirán exércitos moi grandes, cos que avanzarán coma unha inundación; darán volta para atrás, pero repetirán os ataques contra a súa fortaleza.

11 O rei do Mediodía, exasperado, sairá a loitar contra el, contra o rei do Norte, quen mobilizará un exército numeroso; pero tal exército caerá nas mans daquel.

12 Tras aniquilar este exército, o corazón do rei encherase de soberbia, e fará perecer a milleiros de homes; pero non triunfará.

13 En efecto, o rei do Norte volverá mobilizar un exército aínda maior có anterior; pasados uns anos volverá cun exército ben fornecido.

14 Por aquel tempo alzaranse moitos contra o rei do Mediodía. Rebelaranse tamén homes violentos do teu pobo, intentando dar cumprimento á visión; pero fracasarán.

15 Virá o rei do Norte, construirá unha trincheira e conquistará unha das cidades fortificadas. As tropas de Mediodía non darán resistido, nin sequera os máis valentes terán valor abondo para resistiren.

16 Aquel que vai avanzar contra el procederá ó seu antollo, non haberá quen lle faga fronte. Hase establecer no País do Esplendor, levando a destrución na súa man.

17 Posto no plan de se apoderar de todo o seu reino, concertará alianzas con el e daralle unha filla por esposa para arruinalo; con todo, o proxecto non lle dará resultado.

18 Entón dirixirase ás illas, e conquistará moitas delas; pero un xefe porá fin ás súas aldraxes, aínda que non lle poida dar a paga delas.

19 Despois porá a súa mira nas fortalezas da súa propia terra, pero sufrirá un tropezo e caerá sen deixar rastro de si.

20 Alzarase outro sobre o seu posto, un que mandará un saqueador a requisar o tesouro do reino; pero ós poucos días acabará esnaquizado, en circunstancias non de rancor nin de guerra.


Antíoco IV Epífanes

21 Ocupará o seu lugar un home desprezable, a quen non se lle concederá a dignidade real; el empezará con acenos de paz, pero apoderarase do reino a base de intrigas.

22 As forzas armadas serán derrotadas e esbandalladas por el, así coma o xefe da alianza.

23 Obrará con engano despois do pacto feito por el, e, a pesares de dispor de pouca xente, medrará e farase forte.

24 Con moito disimulo irase introducindo nas bisbarras máis fértiles da provincia, e fará o que nunca ousaron facer seus pais nin seus avós: distribuirá ós seus o botín, os despoxos e mais as riquezas, planeará estrataxemas contra as fortalezas; pero tan só por certo tempo.

25 Empregará a súa forza e mais a súa fogaxe contra o rei do Mediodía cun gran exército; o rei de Mediodía disporase para a guerra cun exército tamén moi grande e poderoso; pero non lle poderá facer fronte, pois será vítima de conspiracións.

26 Os mesmos que comen á súa mesa serán a súa desgraza; o exército quedará afundido e moitos caerán feridos de morte.

27 Os dous reis, co corazón ateigado de maldade, sentarán á mesma mesa para se intercambiaren mentiras, pero non lles vai valer de nada, pois a fin chegará no tempo fixado.

28 O rei do Norte tornará á súa terra con moitas riquezas; pero, tendo proxectos hostís contra a alianza santa, realizaraos e despois volverá ó seu país.

29 No tempo determinado invadirá novamente o Mediodía, pero esta vez non lle dará resultado coma a vez anterior.

30 Virán contra el os barcos de Chipre, e el desistirá. Entón descargará de novo a súa furia contra a alianza santa; tras actuar, regresará e terá consideración dos desertores da alianza santa.

31 Tropas mandadas por el farán acto de presenza para profanaren o santuario e mais a fortaleza, abolirán o sacrificio cotián e porán alí a abominación da desolación.

32 Os violadores da santa alianza corromperaos a base de gabanzas; con todo, o pobo, coñecedor do seu Deus, manterase firme e obrará con consecuencia.

33 Os sabios de entre o pobo adoutrinarán a moitos, aínda que por algún tempo teñan que sufrir a espada, o lume, o desterro e mais a confiscación dos bens.

34 Cando caian, recibirán unha pequena axuda, e moitos uniranse a eles con finximento.

35 Algúns dos sabios sucumbirán, para someteren a proba, acrisolar e branquear ós outros para o tempo final, pois o prazo está fixado.

36 O rei actuará á súa maneira, ensoberbecerase e apreciarase por enriba de todos os deuses, e dirá insolencias contra o Deus dos deuses. Prosperará en tanto non chega o momento do furor, pois hase cumprir o que foi decretado.

37 El non venerará os deuses dos seus devanceiros, nin o predilecto das mulleres; non respectará a ningún deus, pois coidará ser superior a todos eles.

38 En troques, honrará ó deus das fortalezas; ofrecerá ouro e prata, pedras preciosas e xoias a un deus a quen seus pais non coñeceron.

39 Dedicará as cidades fortificadas a un deus estranxeiro; a cantos o recoñezan ateigaraos de gloria, outorgaralles autoridade sobre moitos e distribuiralles a terra como recompensa.

40 Nos tempos derradeiros loitará contra el o rei do Mediodía, pero o rei do Norte lanzarase contra el con carros de guerra, xinetes e moitas barcas; invadirá as súas terras e atravesaraas coma unha inundación.

41 Penetrará no País do Esplendor. Moitos caerán, pero hanse librar das súas mans os seguintes: os de Edom, os de Moab e os máis selectos dos habitantes de Amón.

42 Tamén estenderá a súa man sobre outros territorios, nin sequera se librará Exipto.

43 Apoderarase dos tesouros de ouro e prata e de todos os obxectos preciosos de Exipto. Os libios e ós etíopes halles pasar o mesmo.

44 Pero quedará turbado polas noticias chegadas de oriente e mais do norte, e marchará cheo de furia, disposto a acabar con moitos.

45 Plantará as tendas reais entre o mar e o monte santo do Esplendor. Entón chegará o seu final e ninguén lle prestará axuda.

Follow us:



Advertisements