Online Bible

- Advertisements -



This book is not inspired by God and is not part of the Christian canon or the Jewish Tanakh. It is shown only for historical and study purposes. View full explanation

DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 1 - Biblia SEPT


EPISODIOS DA HISTORIA DE DANIEL (cc. 1-6)

1 No ano terceiro de Ioaquim, rei de Xudá, chegou a Xerusalén Nabucodonosor, rei de Babilonia, e asediouna.

2 O Señor puxo nas súas mans a Ioaquim, rei de Xudá, e mais boa parte dos vasos da casa de Deus, que fixo levar para o país de Xinar. Os vasos depositounos na casa do tesouro dos seus deuses.

3 O rei ordenou a Axpenaz, xefe dos oficiais, que trouxese de entre os israelitas de estirpe real ou de familia nobre,

4 Algúns rapaces que non tivesen ningunha tara, fosen de bo parecer e instruídos en toda clase de sabedoría, cultos e intelixentes e xeitosos para serviren no pazo real. Tamén ordenou que lles ensinasen a lingua e mais a literatura caldeas.

5 O rei fixoulles unha ración diaria da comida e mais do viño da mesa real. A súa crianza debía durar tres anos; despois pasarían a servir o rei.

6 Entre eles atopábanse uns xudeus: Daniel, Hananías, Mixael e Azarías.

7 O xefe dos oficiais trocoulles os nomes: a Daniel púxolle Baltasar; a Hananías, Xadrac; e Mixael, Mixac; e a Azarías, Abednegó.

8 Daniel propúxose non se contaminar compartindo a comida do rei e mais o viño da súa mesa, e suplicoulle ó xefe dos oficiais que non o obrigase a se contaminar.

9 Deus fixo que o xefe dos oficiais tivese dó e consideración de Daniel,

10 e díxolle: Eu teño medo do meu señor, o rei, polo feito de que el determinou o que habiades de comer e beber, e, se vos vise cun aspecto máis raquítico có dos rapaces da vosa idade, poñeriades en perigo a miña cabeza diante do rei.

11 Díxolle entón Daniel ó garda posto polo xefe dos oficiais ó coidado de Daniel, de Hananías, de Mixael e mais de Azarías:

12 Por favor, ponnos a proba durante dez días: que nos sirvan legumes para comer e auga para beber.

13 Despois podes comprobar o noso aspecto en relación co dos mozos que se alimentan cos manxares do rei, e fas connosco conforme vexas.

14 El aceptou a proposta, e someteunos á proba durante dez días.

15 Ó cabo dos dez días tiñan mellor aspecto e estaban máis gordos ca todos os mozos que comían dos manxares do rei.

16 Desde entón o garda retiráballes a ración da comida e mais do viño que debían tomar, e dáballes legumes.

17 Deus concedeulles a estes catro mozos ciencia e intelixencia en toda clase de letras e sabedoría. Daniel tamén sabía interpretar visións e soños.

18 Cando se cumpriu o tempo sinalado polo rei para seren presentados os mozos, o xefe dos oficiais levounos ante Nabucodonosor.

19 O rei conversou con eles, e non encontrou entre todos ningún coma Daniel, Hananías, Mixael e Azarías. Quedaron, pois, ó servizo do monarca.

20 En todas as cuestións de sabedoría e intelixencia que o rei lles propuxo, atopounos dez veces superiores a todos os meigos e adiviños que existían en todo o seu reino.

21 Daniel permaneceu alí ata o ano primeiro do reinado de Ciro.

Follow us:



Advertisements